El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
Crónica | Capelanías de Santa Mariña A finais do século XVIII había tres capelas que dependían deste templo, que tamén servía a de Santiago de Farbán e a de Santiago do Castelo dos Infantes
17 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Ademais de párroco de Santa Mariña, que tamén servía as igrexas de Santiago de Farbán e Santiago de Castelo dos Infantes, ese templo albergaba capelanías dotadas con bens e rendas, servidas por capeláns. A finais do século XVIII había tres capelas fundadas dentro da igrexa, e aínda se alzaba fora dela a ermida de San Marco do Campiño, na estrema con Maside e San Salvador. A capela de San Xoán era a máis antiga, e fora fundación anterior do século XVI, na que tomaran parte membros da familia da Veiga de Louseiro. En 1793 era capelán o doutoral don Lucas Díez de Freixo, coengo en Lugo, e natural de Sarria, que a servía cun tenente e había a obriga de dicir tres misas en cada semana, e os ornamentos eran da fundación. A terceira capela de dentro da igrexa era a de Santa Catarina, que fora fundada por don André Pallares, mestre de escola de Lugo, da familia dos señores de Goián. «A dicir dos vedraños está fundada no altar que está a carón do arco da capela maior ao lado da epístola, este está desde moitos anos atrás indecente, que poucos acordan dicir misa nel. Nesta non hai ornamentos, nin cousa algunha para dicir as misas semaneiras, que son tres, na visita de 1790 fíxenlle deixazón da renda que daba por razón de ornatos, cera, hostia e viño e todo o demais porque no alcanza a renda e a igrexa é moi pobre e aínda que na visita pasada o señor visitador deu un auto de que se adornase a capela e se comprasen os ornamentos e todo o necesario, e facéndollo saber a don Antonio Guitián, capelán que ao de presente é de da dita capela non o quixo obedecer, e nesta igrexa está a dicir misa tódolos días soltos, rompendo os ornamentos da pobre igrexa, como consta no Libro de Fábrica», así se queixaba o párroco. O doutor don André Pallares ademais da capela fundou unha obra pía para casar doncelas orfas da freguesías de Santa Mariña, San Salvador da Vila de Sarria, Betote, Fafián, San Fiz de Reimóndez, e estaba administrada entón por don Antonio Guitián. Novenario Don Froilán de Otero e Lemos, cura que fora de Santa Mariña, promotor e construtor da casa reitoral, fundou un novenario de misas que se celebraban por defuntos, con máis misas tres cantadas. E o párroco de 1793 queixábase ademais de que existindo outras misas de pensión de esmola por dous reais «polo prezo non hai quen as diga, nin os donos das hipotecas queren dar máis de dous reais». As capelas de fundación, dotadas de bens e rendas, foron esmorecendo coa suba da vida, xa que non abondaban para soster capeláns específicos, e na maioría dos casos aspiraban a elas absentistas que despois llas pasaban a cregos mercenarios, deturpando a finalidade constitutiva desas institucións. As reformas económicas dos primeiros anos do século XIX deron fin a capelanías e outros beneficios, pasando as rendas en xeral a seren administradas polas institucións políticas nacionais e traspasadas aos novos burgueses. A pequena parroquia de Santa Mariña, con non moitos máis de catrocentos fregueses, tiña a atención do párroco e de tres capeláns, e ao tempo había na vila algúns segundóns de familias fidalgas ordenados de presbíteros coñecidos como mercenarios por non ter beneficio eclesiástico sinalado acudían aos actos e funcións nos que era chamados, ou figuraban como administradores das obras pías os titulares de capelanías noutras terras. E para soster economicamente esas capelanías estaban as rendas e fundacións de misas perpetuas.