Abandono perpetuo

LEMOS

TRIBUNA | O |

28 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

CINCO ANOS van desde que se descubriu e se catalogou o foxo de lobos do Incio, e desde que se falou por primeira vez de rehabilitar este monumento de excepcional valor. Non parece que esta antiga construción vaia ser restaurada proximamente, pero o feito non é nada raro no sur lucense. A ferrería de Seoane do Courel leva xa sete anos esperando a ser aberta ao público despois de ser restaurada pola Xunta. As institucións públicas nunca se deron demasiada presa en recuperar o patrimonio histórico e cultural destas comarcas nin en axudar a que poida ser utilizado como recurso turístico. O raro é o que se está facendo actualmente no castro de Formigueiros e na necrópole megalítica do monte de Santa Mariña, ou o que se fixo recentemente nos muíños do Xabrega, en Sober. Remontándose aos últimos vinte anos, pode contabilizarse tamén a rehabilitación dun par de castros do Courel, a restauración dalgunhas igrexas románicas da Ribeira Sacra e algunhas outras actuacións ocasionais aquí e alá. Pouca cousa, en todo caso, comparado co volume e coa importancia do patrimonio que permanece sen recuperar e que en moitos casos se encontra nun estado lamentable. Tendo en conta que as comarcas do sur lucense seguen sendo unha zona economicamente moi deprimida e se se pretende realmente que o turístico sexa un dos motores do seu desenvolvemento, habería que esperar que actuacións como estas se estivesen realizando dunha forma constante e durante un período bastante longo. Comezando, por suposto, por elementos singulares e de especial valor como o foxo de lobos de Monteagudo. Porque non se sabe moi ben que rendemento económico se lle pode sacar a uns monumentos mal conservados, inaccesibles, invisibles e cada vez máis comidos polas silvas.