«Todo se move pola forza do pobo»

La Voz L. D. | MONFORTE

LEMOS

Entrevista | Jesús Sánchez González

16 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

«O meu é traballar en positivo, non crear discordias». Jesús Sánchez evita polemizar sobre a súa ausencia na reunión en Monforte, pero como sempre non se vai polas ramas chegado o momento de explicar os motivos. O seu non é o «politicamente correcto», de aí que descarte por completo a súa inclusión nunha candidatura nas próximas municipais. -Deixei de ir a Madrid por unha decisión persoal. Non me vetou ninguén, porque non sería quen de facelo. Simplemente, non estaba de acordo coa imposición de que fose Tomé á reunión. -¿Non lle pareceu ben o papel de Tomé como interlocutor co ministerio? -O que se falou é que a esa reunión tiñamos que ir os membros da comisión pro autovía. Non queríamos darlle un tinte político. De darllo, mellor que estivesen representantes de todos os partidos. Como non foi así, decidín non ir porque non estaba de acordo. -¿Síntese defraudado pola entrevista co secretario de Estado de Fomento? -En primeiro lugar teño que valorar moi favorablemente o feito de que se fose a Madrid, e polo que se me dixo a viaxe resultou positiva. Eu imaxinaba que pouco máis íamos sacar en limpo do que xa dixo Pepe Blanco en Monforte. Neste momento é imposible ter un compromiso por escrito, polo que hai que conformarse coas boas palabras. Aínda así, non ir a Madrid sería un feo e de aí que se reconducisen as cousas na comisión. Eu teño uns principios e non ía saltalos, pero agradezo a Ramiro Vila e a Ovidio Pérez Reñones que acudisen representando á cidade de Monforte. Do que se trata é de que Monforte saia favorecido. -¿Pensa que chegou o momento de aparcar as mobilizacións pola autovía? -Non son quen de dicilo, A miña opinión é que, con independencia das garantías que teñamos sobre a autovía despois da reunión en Fomento, a comisión debe seguir funcionando, e empresarios e sindicatos debemos seguir expectantes. Penso que se todo se moveu tan rápidoultimamente, tanto no tema da autovía como no porto seco, foi pola forza que fixo o pobo, pola inquietude que se espertou en Monforte. As administracións ven que algo se move aquí, que hai cousas que están a cambiar, e actúan en consecuencia. -En vésperas das municipios, o seu nome sempre soa nalgunha lista. -Para político non valgo. A min gústame chamarlle ao pan pan e ao viño viño, e iso en política é inviable. O que si valgo é para esixirlles que cumpran os seus compromisos cos cidadáns, porque moitas veces esquecemos que os políticos se deben a nós. Son tan libre politicamente que lle podería votar dende ao PP ata Izquierda Unida, pasando polo PSOE ou o Bloque. Eu sempre buscarei a persoa que poda favorecer máis ao pobo. O meu compromiso é por Monforte, mande o partido que mande, e de listas non hai nada de nada.