Hoxe, pasadas tres décadas dende que se pode dicir que se crearon os centros de ensino medio, os institutos de ensino secundario Gregorio Fernández e Xograr Afonso Gómez, irradian a súa influencia en toda a comarca, e os benéficos efectos que da actividade docente se derivan nótanse no elevado número de licenciados, estudantes universitarios e profesionais cualificados que polas aulas das dúas institucións teñen pasado. Non foi tarefa doada conseguir a implantación dun ensino secundario de calidade en Sarria. En contra dos desexos dos máis preclaros dos veciños da vila interpuxéronse primeiro a Guerra Civil e as miserias dunha longa posguerra, e despois a tradicional e ben consolidada nugalla municipal. Revolución Sen dúbida, a grande revolución comarcal no que a ensinanza se refire veu derivada da implantación dos dous institutos, rompendo así cunha situación de negros tintes, pois desgraciadamente dentro do conxunto de Galicia, a Terra de Sarria viña sendo sinalada entre as de menor nivel cultural e de escolarización. Hoxe as cousas cambiaron dunha maneira sustancial e por fortuna hai razóns máis que sobradas para o optimismo.