Láncara segue en progresión

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

BLANCO

Crónica | Concellos da comarca de Sarria O novo trazado do ferrocarril e o futuro corredor entre Nadela e Sarria suporán un novo pulo para a consolidación deste puxante municipio próximo a Lugo

03 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

As terras de derredor do curso medio e baixo do Neira e do baixo do Sarria pertenceron na primeira Idade Media aos condados de Chamoso, Sarria e Páramo. No século XII a Terra de Sarria estaba formada polas parroquias de Berselos, Bande, Guisande (Vilaleo), Armeá e outras derredor do Neira, gravitando moitas das freguesías derredor dos mosteiros de Samos, San Antoniño de Sarria, Bade, San Paio de Neira e Carracedo. Houbo castelos en Bande e Guisande. En Larín estaba a Casa do Rei, onde residían os meiriños reais, con xurisdición entre Sil e Miño «e ata a aura do mar», e os «Comes in Sarria» eran coñecidos como «Comes in Elarin». Larín e Láncara foron terras de reguengo e andando o tempo foron cedidas polos reis a familias fidalgas. O camiño de Biduedo a Lugo por Carracedo e Lago farán sonar o nome de Láncara como tamén os apelidos de Yebra, Bermúdez de Castro, Quiroga que destacan nos pazos das vellas xurisdicións e nos servizos reais (pazos de Pobra, Láncara, Vilouzán, Cedrón, Ronfe, Vilaesteva de Herdeiros). No antigo réxime as parroquias que compoñen o actual Concello de Láncara formaban parte das xurisdicións de San Xillao da Pobra (do marquesado de Sarria con algunhas parroquias que hoxe son do Páramo e do Corgo), Cedrón, Vilaesteva de Herdeiros, Somoza de Vilouzán os Somoza Menor, Castelo dos Infantes (Larín e Viládiga), Samos, Oleiros, Ronfe, Vilambrán e Láncara, sendo ademais parte da parroquias de Río do señoría particular dunha familia fidalga. Este esnaquizamento político xudicial mantívose ata 1820, cando se crean os concellos constitucionais e os partidos xudiciais. Integración O concello constitucional da Pobra de San Xiao quedou integrado no partido de Lugo e os concellos de Láncara, Samos e a Somoza de Vilouzán no partido de Sarria, mentres que o Concello de Vilaesteva de Herdeiros se integrou no partido de Cruzul. Xa con anterioridade, cando a fins do século XVIII se constituirán os partidos hipotecarios, unha boa parte das parroquias sitas nas abas do Monte da Meda para os efectos de reparticións contributivas andaban suxeitas á xurisdición de Torés. No partido electoral para as Cortes de Cádiz as terras de Cedrón gravitaron sobre Sarria por vez primeira. En 1823 suprimidos que foron os concellos constitucionais, recuperouse o nada práctico e arbitrario sistema de xurisdicións, e no período de confusionismo que seguiu algunhas parroquias como Larín, Vilouzán, Monseiro e Toldaos andiveron suxeitas, por pouco tempo, a alcaldía real de Sarria. A política de concentración de concellos propiciada polos liberais, botou por terra os concellos de A Pobra e Vilouzán, integrándose nun só concello que quedou formado en 1840 polas parroquias de San Pedro de Armeá, San Pedro de Bande, San Vicenzo de Carracedo, Santiago de Cedrón, San Pedro de Vilarello, San Salvador de Toirán, San Xoán de Trasliste, Santa María de Vilaleo, Santa María Madalena de Neira de Cabaleiros, San Xiao da Pobra, San Miguel de Monseiro, San Xoán de Muro, San Pedro de Ronfe, Santa María de Vilambrán, Santiago de Viance (parroquia de Muro posteriormente suprimida), San Martiño de Oleiros, Santa María de Lama, San Pedro de Láncara (capital), San Vicenzo de Toldaos, Santa María de Touville, Santiago de Souto de Ferradal, Santa Mariña de Galegos, Santa María de Vilaesteva de Herdeiros, Santalla de Lagos, Santa María do Carballo (hoxe integrada en Galegos) e San Martiño de Río. Dende as estremas de Zoo ata a desembocadura do Sarria no Neira e dende Veiga de Anzós (na estrada que une Madrid e A Coruña), ata Santa María de Vilar, xurdiu un concello moi irregular con tres cornos unidos nun forte estreitamento na parte central, ubicándose a capitalidade ao abeiro de Pazo de Láncara, aínda que, pasado o tempo acabou facéndose a Casa do Concello na parroquia de Carracedo.