TRIBUNA | O |
03 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.PARECE que se confirman as previsións dos expertos e que os osos volven pouco a pouco integrarse na fauna galega, da que desapareceran hai moito tempo, algúns din que desde o século XIX. Polo momento, os osos que campan pola Serra do Courel e outros lugares das montañas orientais non son máis que turistas de paso, pero ao parecer non hai que desbotar a posibilidade de que algún día acaben por domiciliarse permanente neste territorio, se a recuperación da especie segue a afianzarse en Asturias e nos Ancares leoneses. O caso é que, dunha maneira ou doutra, Galicia está volvendo a ser terra de osos. Sairán gañando a conservación do medio ambiente e quizá a celebridade turística do país -non hai tantos sitios en Europa que poidan presumir de ter osos en estado silvestre- pero en contrapartida os osos tamén poden causar os seus destrozos. Menos mal que os apicultores afectados ata agora están dando mostras de paciencia, aínda que as indemnizacións concedidas polo Goberno galego non tardan pouco tempo en chegar. Se cadra a Xunta debería ter en conta a posibilidade de crear unha liña específica de axuda para compensar os danos materiais que poidan causar os plantígrados, como xa fixeron hai moito tempo os veciños asturianos. Ata agora non era necesario aplicar aquí unha medida deste tipo porque en Galicia oficialmente non había osos, pero xa se vé que as cousas poden estar mudando. E quizá tampouco estaría de mais que as autoridades de Medio Ambiente fosen pensando e explicar á xente como comportarse con respecto a estes animais. Pola experiencia de Asturias xa se vé que non hai perigo en convivir cos osos, pero seguramente hai que tomar certas precaucións para favorecer a recuperación da especie e para evitar sustos ou disgustos.