Reportaxe | Rescate do patrimonio histórico O futuro museo local exhibirá imaxes e maquetas da antiga vila asolagada polo encoro de Belesar e diversos obxectos relacionados coa poboación desaparecida
06 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.? Concello de Portomarín pretende que o futuro museo etnográfico e histórico do municipio axude a recuperar a parte máis traumática da historia local, a relacionada coa desaparición da vila antiga baixo as augas do encoro de Belesar en 1963. Por unha parte, está previsto expoñer neste museo unha serie de fotografías do vello Portomarín que conservan diversos particulares, nas que se incluirán imaxes da construción da nova poboación e do traslado dos seus habitantes. O goberno local tamén intentará recuperar unhas antigas maquetas da vella e da nova poboación que foron realizadas por iniciativa de Fenosa cando se levou a cabo o traslado. «Esas maquetas foron ofrecidas daquela ao Concello, pero como non había ningún lugar onde expoñelas quedaron en poder de Fenosa», explica a este respecto o alcalde Eloy Rodríguez. Por outro lado, unha parte dos obxectos de valor etnográfico -antigas ferramentas de labranza, utensilios domésticos, mobles e outros elementos- que se exhibirán no museo proceden da poboación desaparecida. O Concello contará coa axuda de expertos universitarios para clasificar estes obxectos, que aínda están gardados nas casas dos seus propietarios. Os responsables municipais xa contactaron hai tempo con numerosos veciños que están dispostos a ceder estes materiais para ser gardados e exhibidos no museo. «Eu mesmo teño na casa algunhas cousas que creo que poden ser de interese», apunta Eloy Rodríguez. Os responsables municipais estudan tamén a posibilidade de solicitar ao Museo Provincial de Lugo a cesión dalgunhas pezas de interese histórico que foron rescatadas do vello Portomarín pouco antes da inundación. «Nesa época recolléranse algúns escudos de pedra das casas antigas e outros materiais deste tipo, que foron parar ao Museo de Lugo. Pensamos que sería interesante recuperar polo menos algunhas desas pezas, agora que nós imos ter o noso propio museo, pero iso farémolo no seu momento», comenta o alcalde. As obras de terminación do museo contrataranse, segundo o rexedor, cando conclúan os trámites da concesión da axuda económica de 96.000 euros que lle foi concedida ao Concello con esta fin polo Leader Ribeira Sacra.