Louseiro mantén o sabor do popular

La Voz

LEMOS

25 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Nalgúns lugares a competencia entre barrios ou asociacións engade vigor o festexo, pero os premios e os agravios comparativos acabaron con isto en Sarria. Non é ese o camiño, o entroido ten que ser vivo, vivaz e vivificador. Nestes pasados anos obsérvase con curiosidade o bo suceso da festa do entroido en San Martiño de Louseiro, porque ten o sabor do sinxelo, do popular e non mixtificado. É de agardar que os rapaces que corren coa organización, sen necesidades de patentes ou peaxes, manteñan o espíritu inicial de participación aberta e se consolide como o máis participativo e provisto da enxebreza que os certames e concursos en serie botaron a perder nas discotecas. O entroido non é facer grandes gastos en disfraces para gañar os concursos a base de epatar ao persoal e forrar o ril cuns euros quentiños, andando da ceca para a meca diante dun público diferente e en localidades distintas. Iso non é o entroido, chamádelle todo máis escenificación, porque nin a teatro chega. Bo sería que deprendésemos daquelas vilas e lugares onde os xeitos tradicionais se manteñen e deixan para Río ou Tenerife o que eles entenden por Carnaval e conservan as raíces tirando farelo ou rompendo olas, poño por caso, ou soltando un oso, ou sete peliqueiros e logran un entroido vivo e puxante. Copiar da copia é esmorecer.