A TRIBUNA | O |
25 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.XA O DICÍAN as nosas avoas, que diso saben un montón: se non comes, de onde demo has sacar as forzas. Certo. Para calquera eido da vida é imprescindible ter ledo ao estómago; para estudar quizais máis. Por iso mesmo cómpre que os cativos e rapaces vaian ben mantidos, é dicir, nutridos, ao colexio. Neste senso, semella atinada a iniciativa dos Almorzos Saudables que vén e está a desenvolver o Concello de Lugo cos rapaces. «Non só comas, aliméntate», é o lema deste programa que ten a intención de abacelar cara ao seu obxectivo a uns 2.000 rapaces lucenses con idades comprendidas entre os 6 e 8 anos. Quérese non só que almorcen, senón que amais diso o fagan de xeito saudable, isto é, que en vez de levar o estómago baleiro toda a mañá ou de sacialo con produtos altamente calóricos, inxiran outros máis sans. ¿Cales? Os lácteos, a froita, os cereais e o pan. Si, porque resulta que o 5% dos rapaces non almorzan. E fano pouco ou mal -un de cada catro menores de idade é obeso- entre un 12 e un 20%. Todo iso segundo un estudo realizado pola concellería de Servizos Xerais durante o ano pasado. O cal disque é, segundo un informe da OCDE ao que se fai referencia na páxina oficial que o Concello ten no web, unha das causas que provoca que os aludidos non aproveiten ben todo o seu tempo de estudo. ¿Só lles ocorre aos cativos e rapaces? Tamén os mozos e, como non, en xeral o resto da poboación. Polo tanto, sexa este ou outro organismo -ou a propia iniciativa privada- o encargado, unha proposta como esta desenvolvida nos colexios lucenses debera estenderse pola provincia e mesmo achegarse a toda a poboación. ¿Acaso se pode choiar igual, sexa estudando ou como se dea na vida, en xaxún ca tendo conforme ao estómago? Claro que non.