TRIBUNA | O |
22 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.NON HAI moito tempo, sendo conselleiro de Xustiza o señor Palmou unha representación de profesionais da xustiza chantadinos entrevistáronse con el en Compostela para pedir o segundo Xulgado e, !oh sorpresa!, cando podes non queres. A reacción de Susana López Abella e de todo o grupo parlamentario popular contra as declaracións deste concelleiro sobre o oportunismo da proposición non de lei sobre o segundo Xulgado que acaban de presentar ela e o ex conselleiro Palmou fíxome mudar de opinión. A súa actitude xa non me parece só paradóxica. Agora creo que supón un descaro, un aproveitamento do traballo dos profesionais da xustiza e unha falta de respecto. ¿Por que non se preocupou cando o seu grupo político tiña maioría para que esta reivindicación fose aprobada e pasase a ser unha realidade? Lembremos. Hai pouco coincidía a cor política dos gobernos municipal, provincial, autonómico e estatal. ¿Que fixo Susana López dende o seu privilexiado posto por axilizar a construcción da autovía Lugo-Ourense? ¿E para que Cacharro deixe de enredar co canon? ¿E para reclamar que se nos dote de máis solo industrial? ¿E para que cando se celebre algunha oposición no concello non queden dúbidas sobre a súa transparencia? ¿Por que non moveu un dedo polo financiamento da nova casa do Concello, as obras da rúa Xoán XXIII ou a depuradora prometida polo señor Barreiro? O que si fixo, cando era concelleira de Cultura, foi cargarse a Feira do Libro Infantil e Xuvenil e a Coordenadora de Asociacións Culturais. Na mente de moitos aínda resoa a súa bronca á actual responsábel local do BNG, por asistir a unha manifestación pola catástrofe do Prestige , torpedeándolle o dereito de manifestación, reunión e expresión. Por non lembrarlle a súa lapidaria declaración en defensa da guerra do Iraq: «Esta é unha guerra xusta, como a de Polonia contra Hitler ou a de Finlandia contra Stalin». Remato cunha pequena homenaxe a un amigo, un grande coñecedor das Leis de Murphy, xa que Susana López sen darse conta aplicou unha delas: a mellor defensa é unha boa ofensa.