TRIBUNA ABIERTA | O |
14 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.AGRADECÉMOSLLE, señor Ismael Rego, a súa disposición a participar nos dous debates que organizamos sobre a necesidade da construcción dunha autovía entre Nadela e Monforte. O seu partido apoiou as nosas demandas desde o principio, tanto en intervencións públicas como no Parlamento de Galicia. Vostedes cumpriron o seu papel cando eran partido na oposición. Agora, xa hai meses, forman parte do goberno e a súa responsabilidade é distinta. Agora teñen que asignar partidas nos orzamentos que vostedes aproban no Parlamento. E esas partidas orzamentarias teñen que servir para cumprir aquilo que demandaban na oposición. Non pode ser doutro xeito. Ninguén vai aceptar que agora que gobernan non cumpran o que pedían na oposición. A nosa demanda foi clara dende o principio: a construcción dunha autovía entre Nadela e Monforte. O seu apoio a esta demanda tamén foi claro e a denuncia dos enganos a que nos quixo someter o anterior goberno foi contundente. Agora vostedes non poden defraudar a espectativa que depositamos en que cumprirían o que apoiaron, defenderon e demandaron. Se vostedes non cumpren estarán completamente deslexitimados para moitas persoas e crearán unha sensación de fraude que a sociedade non vai perdoar.