Ribeira Sacra, carballo sagrado

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

Reportaxe | As orixes dun popular topónimo Hai xa dezoito anos, un prestixioso filólogo afirmou que o nome da zona procede dunha árbore e non dun río, unha teoría sorprendente que aínda é pouco coñecida

11 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

?epítese a miúdo que a Ribeira Sacra ou Ribeira Sagrada debe o seu nome aos numerosos mosteiros e eremitorios que se construíron desde a alta da Idade Media nas ribeiras do Sil e do Miño. Pero existe unha interpretación radicalmente distinta da orixe desta denominación, hoxe tan popularizada. De acordo con este punto de vista, o nome non ten nada que ver na súa orixe coas ribeiras dos ríos. A forma primitiva desta denominación, Rivoira Sacrata , significaría en realidade «carballo sagrado». A transformación do antigo nome medieval rivoira en «ribeira» deberíase a unha tradución equivocada no século XVII. A hipótese non é nova, xa que foi formulada hai cerca de dúas décadas, pero si é aínda moi pouco coñecida, excepto entre algúns especialistas e curiosos. O autor desta interpretación é o filólogo Manuel Vidán Torreira, quen a expuso en 1987 en tres artigos publicados en La Voz de Galicia. Naqueles traballos, Vidán analizou os textos máis antigos en que aparece esta denominación. O primeiro deles é o documento de fundación do mosteiro ourensán de Montederramo, asinado no ano 1124 pola condesa Teresa de Portugal e o seu segundo esposo, o conde galego Fernando Pérez. Segundo o documento, os condes cederon, para a fundación do mosteiro, un terreo situado «locum qui dicitur Rivoira Sacrata, qui est in Monte de Ramo territorio Caldelas» (nun lugar que se chamaba Rivoira Sacrata, situado nunha zona denominada Monte de Ramo, no territorio de Caldelas). Esta denominación repítese noutros documentos posteriores, emitidos por diversos gobernantes para confirmar as posesións e os privilexios do citado mosteiro, aínda que nalgunhas ocasións o nome aparece tamén rexistrado como Rovoyra Sacrata . Ora ben, segundo indica Vidán, tanto rivoira como r ovoyra non significan ribeira nin nada semellante. Proceden de roboria, voz medieval de orixe latina que se aplicaba á madeira de carballo ou da aciñeira: provén do latín robur ou carballo. O vocablo roboria , rexistrado e estudado no seu día polo gran filólogo alemán Wilhelm Meyer-Lübke, orixinou outras palabras galegas, como riboira, reboira, reboiras ou reboiro -relacionados con especies vexetais emparentados con carballo-, que á súa vez orixinaron diversos topónimos e antropónimos. Se o nome primitivo da Ribeira Sacra significase realmente ribeira, di Vidán, nos documentos medievais escribiríase riparia ou ribaria -voces que si significan ribeira- e non rivoira nin rovoyra . Transformación ¿Por qué a rivoira primitiva acabou por converterse en ribeira ? Vidán opina que a responsabilidade é do historiador benedictino fray Antonio Yepes, que na súa Crónica general de la Orden de San Benito -publicada en 1621- reproducíu o vello documento da fundación de Montederramo e traducíu erroneamente Rivoira Sacrata por Ribera Sagrada . A equivocación de Yepes, afirma Vidán, foi repetida por diversos historiadores e escritores, algúns tan eminentes como Vicente Risco. De forma, segundo o filólogo, esta denominación errada chegou a popularizarse na época moderna.