Máis colorido no Cabe

LEMOS

TRIBUNA | O |

06 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

PONSE en marcha en Monforte a nova fase do plano de repintado das fachadas das vivendas que dan ao tramo urbano do Cabe. Nesta ocasión, a paleta cromática seleccionada polos responsables do proxecto parece algo menos variada que a que se utilizou primeira fase. Talvez a elección das cores se deba a criterios técnicos, estéticos e históricos que aconsellan usar un colorido máis limitado e sobrio no Malecón, a zona onde se executarán estes traballos. Pero talvez obedeza tamén á intención de limitar as posibilidades de interpretar de forma libre a paleta cromática e de impedir que se volvan producir certas derivacións de índole pop que se rexistraron na primeira parte do proxecto. E pode que o goberno municipal mostre menos manga ancha á hora de permitir que os beneficiarios do plano interpreten ao seu modo as cores recomendadas polos técnicos. Así se evitará un exceso de abigarramento cromático e se evitarán tamén -posteriormente- posibles broncas dos técnicos aos responsables municipais.