Entrevista | Emilio López Pérez
29 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Un a un, vanse incorporando ao novo curso político os últimos cargos da Xunta a nivel provincial. Onte foi o turno de Emilio López Pérez, que acompañado polo conselleiro Alfredo Suárez Canal, tomou posesión oficial ao frente da Delegación Provincial de Medio Rural en Lugo. -¿Como afronta esta nova etapa? -Onte digamos que tiven o primeiro día completo porque levo dúas xornadas traballando, tomando contacto cos anteriores titulares, co señor Molinero, que tamén se traspasa ao servizo de Montes, e con Luis González. Agora xa estou cos funcionarios, recibindo chamadas e despachando algunhas cousas máis urxentes. -A prensa está entre esas cousas porque estamos a molestar moito estes días. -Non se preocupe que non é ningunha molestia. É unha obriga máis do cargo e tratarei, como é a idea do propio conselleiro Alfredo Suárez Canal, informar de todos os temas con total transparencia. -¿Cales son as primeiras cuestións a tratar? -Estou co tema dos incendios, tomando contacto cos representantes dos traballadores e agora vou falar cos representantes sindicais. Tampouco dá o día para moito máis. -Sobre a mesa, imaxino que terá moitísimo traballo. -Hai tanto que me están chamando polo outro móbil agora mesmo. Estiven tamén cos xefes das estruturas agrarias. Hai obras de estruturas pendentes e moito que ordenar nos montes, por citar algo do máis urxente. Hai motísimas outras cousas do medio rural que se irán tratando pouco a pouco: a formación, os consellos reguladores... É un programa moi extenso. -O tema máis presente é o tocante aos incendios e á supertaxa. ¿Que pode comentar ao respecto? -Eu fun testemuño accidental porque estiven nalgunha das xestións feitas dende a consellería. O propio conselleiro se puxo en contacto coa ministra para explicar e aclarar cal é a situación. Nós non entendiamos desde Galicia que en pleno verán aparecese un fenómeno tan extraño como era a urxencia que traía este problema, que hai que resolver como outros, pero non dese xeito. Pensamos que as primeiras xestións e as primeiras chamadas de atención que se fixeron por parte dos afectados e representantes do agro foron importantes e no futuro seguirá habendo xestións para que a supertaxa non signifique baixo ningún concepto a reconversión dunha soa explotación láctea. Ese é o noso obxectivo e o que vamos manter. -Coa súa experiencia política non pasaría moitos nervios na toma de posesión. -Sempre os hai, pero, efectivamente, na delegación de Lugo a maioría da xente é coñecida e por aquí tocoume pasar moitas veces e facer moitas xestións. Así todos coñecemos xa as nosas virtudes e defectos, porque unha das grandes virtudes que temos os humanos é ter defectos.