«A Ribeira Sacra é un tesouro que está por explotar»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

PALACIOS

Entrevista | Gonzalo Xosé de Francisco da Rocha Profesor de historia e experto en itinerarios culturais, propón no seu primeiro libro unha viaxe persoal e afectiva ás terras onde conflúen o Miño e o Sil

09 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

?rofesor de historia no instituto de Vilalba e na Universidade de Santiago, o vigués Gonzalo Xosé de Francisco da Rocha acaba de publicar Orientarse pola Ribera Sacra. Unha viaxe ao interior , unha obra que pretende ser algo máis que unha simple guía turística. O libro será presentado en Monforte nunha data cercana, pero aínda sen concretar. -É un libro de viaxes de madurez, baseado nas miñas experiencias na Ribeira Sacra ao longo dez anos e realizado durante dous anos de traballo intensivo. En principio naceu como unha guía prática e o é, porque recolle corenta itinerarios detallados pola zona. Pero tamén quere ter unha dimensión e literaria e poética e dar unha visión moi persoal destas terras. As fotografías e as acuarelas que ilustran o libro son tamén obra miña e con elas pretendo reforzar esa visión persoal. -Entón ese «interior» a que se refire no título non é só de carácter xeográfico. -Non, porque o que propoño é tamén unha especie de viaxe ao interior de un mesmo. Como todos os lugares elixidos polos eremitas, a Ribeira Sacra é un espazo dotado dunha fonda personalidade paisaxística, propicio para buscar a trascendencia a través da beleza. Non se pode entender a Ribeira Sacra sen a mística e de feito, o libro ten todo un capítulo dedicado á mística. Ao escribir esta obra tiven tamén moi presentes as ideas da filósofa María Zambrano sobre o que ela chamaba o coñecemento afectivo: non se pode coñecer realmente o que non se ama. -¿Que espazo ocupa no seu libro o patrimonio histórico? -Presteille moita atención, porque a Ribeira Sacra é nese sentido algo excepcional. É unha das maiores concentracións de mosteiros de toda Europa. Hai que ir a sitios como o monte Athos de Grecia para ver algo parecido. Na miña opinión, xunto con Santiago, é o espazo medieval máis importante de Galicia. Non é nada frecuente ver nunha zona rural semellante concentración de monumentos románicos, entre os que hai auténticas xoias. Nos últimos anos fíxeronse bastantes cousas para preservar este patrimonio, pero está claro que aínda hai moito que facer. Creo que as administracións e os bispados deben esforzarse máis para rescatar este patrimonio. -¿Como ve o futuro do turismo nesta zona? -A Ribeira Sacra é un tesouro que está por explotar. O outro día dicía en Santiago un dos gurús da economía mundial que Galicia debería potenciar o turismo relixioso como unha variante do turismo cultural. A Ribeira Sacra é un exemplo excelente das potencialidades deste turismo espiritual. A zona xa foi declarada Itinerario Cultural Europeo e hai que conseguir que a Unesco a declare tamén Patrimonio da Humanidade, o que estaría perfectamente xustificado. A recuperación da Ribeira Sacra aínda está pendente e hai que esforzarse para que esta terra sexa máis cada vez máis coñecida e máis visitada.