Reportaxe | Tradición oral na comarca de Lemos O grupo musical O Trícole recolleu boa parte do material etnográfico difundido na páxina web «Galiciaencantada.com», dedicada á fantasía popular galega
31 mar 2005 . Actualizado a las 07:00 h.? tradición oral do municipio de Sober ocupa un importante espazo na páxina de Internet Galicia encantada , creada recentemente polo escritor Antonio Reigosa para recoller e difundir as lendas e tradicións populares galegas. A web ofrece por agora 36 lendas recollidas en terras soberinas, unha proporción máis que considerable se se compara co lugar que ocupan os outros municipios da zona sur lucense. Bóveda está presente con sete textos; Quiroga e O Saviñao, con dous cada un; Taboada e Carballedo, cun só texto cada un. Dos demais municipios non figura de momento ningún material. As lendas soberinas incluídas nesta páxina proceden en boa parte da mesma fonte: o grupo musical O Trícole, que elaborou hai poucos anos unha pequena publicación na que se reuniron narracións populares e cantigas tradicionais do municipio. Esta obra, que se difundiu mediante fotocopias nalgunhas das actuacións do grupo, foi cedida ao autor da páxina web, quen visitou Sober en tempos recentes para dar unha conferencia na biblioteca municipal. O material incluído nesta publicación, agora difundido parcialmente na Rede, é só unha pequena parte do que foi recollido polos membros de O Trícole en todas as parroquias de Sober. «Temos recopilado máis dun cento de lendas ubicadas en diferentes puntos do municipio e tamén moitas libretas cheas de contos e cantigas», explica Alfonso Campos, un dos promotores do grupo musical. Unha boa parte do traballo de recollida levouse a cabo con ocasión dun cursiño de etnografía e tradicións populares -subvencionado polo plano Leader- que foi impartido en Sober hai pooucos anos e no que participaron praticamente todos os integrantes da formación musical. O material recollido ata agora, debidamente transcrito, foi depositado na biblioteca da Casa de Cultura de Sober para que poida ser consultado por escolares, estudantes ou investigadores do folclore. Continuar o labor O grupo ten previsto seguir recollendo materiais da tradición oral, pero agora dun xeito máis sistemático e exhaustivo, localizando nas diferentes parroquias a todas as persoas de certa idade que coñezan lendas, cancións e outras manifestacións de cultura popular. As gravacións sonoras son o método utilizado con máis frecuencia nesta tarefa. «Poñemos moito coidado en recoller as historias tal como nolas contan os informantes, sen engadir nin corrixir nada, porque pensamos que así resultan moito máis vivas interesantes», di Alfonso Campos. O valor intrínseco deste material etnográfico vese acrecentado polo feito de que moitas destas narracións se refiren a lugares de interese arqueolóxico -castros, mámoas, petroglifos- que en certos casos son aínda moi mal coñecidos polos especialistas. «O problema é que localizar algúns dos escenarios destas lendas é hoxe bastante difícil, porque moitos deses lugares están sepultados pola maleza», apunta Campos.