Educación estudará os problemas de transporte escolar no Courel

La Voz LA VOZ | O COUREL

LEMOS

CARLOS RUEDA

? Consellería de Educación enviará mañá a un inspector para que examine sobre o terreo os problemas de transporte escolar no municipio do Courel e estude posibles solucións. Esta medida foi acordada onte despois dunha entrevista que mantivo o delegado de Educación, Jaime Santoalla, co alcalde José López Fontal, quen lle transmitiu as queixas dos pais dos alumnos da aldea de Teixeira por unha recente modificación do itinerario de transporte que obriga aos rapaces a facer un percorrido diario de dúas horas -entre a ida e a volta- ata o centro de ensino de Seoane. Os pais dos alumnos, segundo explicou o alcalde, néganse a enviar aos seus fillos ao colexio mentres non se restableza o itinerario anterior. O cambio de traxecto produciuse ao unificar o transporte dos alumnos de Teixeira -que antes ían directamente a Seoane- e os de Noceda, outra localidade da zona norte do municipio. O percorrido desde Teixeira prolongouse desta forma en dez quilómetros. O alcalde secunda a petición dos pais dos alumnos afectados -catro en total- e pide á consellería que busque solucións para que a situación non se repita en ningún outro lugar do municipio. «¿Será casualidade que cando se trata de investir se faga noutros concellos e cando se trata de aforrar diñeiro sexamos os veciños deste concello os primeiros que nos temos que apretar o cinturón?», pregúntase o rexedor a este respecto. Críticas ao illamento O alcalde, por outro lado, considera que as dificultades do transporte escolar son só unha parte dos serios problemas de comunicación e illamento que continúa padecendo o municipio a pesar de que a lexislación establece que O Courel debe recibir un traro especial como zona desfavorecida de montaña. Nun comunicado que difundiu onte por este motivo, o rexedor sinala o feito de que os veciños da zona «durante a noite teñen que desprazarse ata Quiroga para que sexan atendidos por un médico de urxencia, tendo que desprazarse nalgúns casos a máis de cincuenta quilómetros». López Fontal afirma ademais que estas deficiencias de comunicación obrigan a moitos anciáns do municipio «a pasar os últimos días da súa vida en residencias da terceira idade noutros lugares fóra do Courel, como Quiroga, O Incio, Mondoñedo, Monforte e Viana do Bolo».