TRIBUNA | O |
06 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.NUN pobo moi fermoso, os veciños procuraban facer todo o posible para que o visitase moita xente, que fose coñecido, para a súa prosperidade. Tiñan cabalgata de Reis, entroido, feira do viño, procesións de Semana Santa, folión de carros, festas e feiras case que todo o ano. No medio dos veciños atopábase O Estragueiro. Este era un homiño que estragaba todo. Non quería nada que fose propio do pobo (folión, entroido e barcas do Miño) e pouco a pouco este pobo foi quedando só e illado, sen veciños, xa que estes ían a outros lugares onde tiñan máis divertimento. Iso será o que lle pase a Chantada. Hoxe que se están abrindo as fronteiras, nós imos pechalas. Se son importantes o folión, o entroido e as barcas, tamén son importantes outras, e non debemos deixar nada. Cantas máis cousas poidamos facer, mellor, non importan as orixes, o que queremos é que o noso pobo sexa coñecido, deámolo a coñecer. O Estragueiro, no seu castelo decadente, non ollaba a realidade. Non caiamos no seu erro, traballemos e non nos limitemos a falar. A procesión dos Caladiños é moi antiga, é a de sempre, só que co esforzo e o traballo desinteresado dos veciños gañou en solemnidade. Imos con capirotes, non somos encarapuchados (iso é outra cousa). Por outro lado, nas procesións de Viveiro, Ferrol..., con moitos anos de historia, van os confrades con capirotes. Non son exclusivos de fóra de Galicia. Teremos que ir ao carnaval de Brasil, xa que os de Verín, Laza ou Xinzo non son de arraigo na nosa terra, e non poderemos ir á Festa do Boi de Allariz, xa que teremos que ir ata Córdoba. Traballemos xuntos. Criticando e destruíndo o traballo dos outros non se consegue nada. Sexamos xentes de paz.