Once rutas para ver Quiroga

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

Reportaxe | Renovación dos recursos turísticos O Concello que preside Julio Álvarez editou unha guía do municipio que pretende complementar o proxecto de sinalización da Asociación Río Lor

02 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O Concello de Quiroga iniciará a Semana Santa provisto dun novo instrumento para fomentar o turismo. Nos locais da Fundación Caixa Galicia de Monforte foi presentada onte unha guía que reúne todas as rutas turísticas existentes no municipio. «Quixemos condensar nun folleto todo o que lle pode interesar aos visitantes, que acuden a Quiroga en número crecente cada fin de semana», sinalou no acto de presentación o alcalde, Julio Álvarez Núñez. A publicación é un amplo despregable que comezará a ser repartido estes días, cunha tiraxe inicial de 10.000 exemplares, tanto nas dependencias do Concello como nos establecementos hostaleiros locais. A guía foi realizada íntegramente polo persoal da Casa de Cultura e inclúe un extenso mapa do territorio municipal no que están sinaladas con diferentes cores once rutas baseadas nos diversos atractivos turísticos de Quiroga. Tres destes itinerarios requiren o uso do automóbil: a ruta do ouro, a ruta do mel e do aceite e a ruta da natureza. Os demais traxectos poden ser percorridos a pé ou en bicicleta: son as rutas da Encomenda, da alta montaña da Seara, da Devesa do Cervo, da fervenza de Vieiros, da montaña do Lor, dos ríos Quiroga e Pacios, da Conchada e do camiño vello de Outeiro. Así mesmo, a publicación ofrece unha serie de informacións sobre o municipio -acompañadas de fotografías- nas que se abordan aspectos como as características físicas e naturais, a historia e patrimonio, as actividades económicas, as festas e romarías ou a arquitectura popular. Por outro lado, inclúe unha lista completa dos establecementos de hostalería e unha serie de datos de carácter práctico para visitantes. Itinerarios detallados Ao mesmo tempo, o Concello editou outros folletos, máis modestos, dedicados a explicar detalladamente algunhas destas rutas. Polo momento xa hai catro dispoñibles -rutas do mel e do aceite, do ouro, da natureza e da montaña do Lor-, pero en breve aparecerá outro. A iniciativa, segundo os responsables municipais, pretende servir de complemento ao proxecto de sinalización turística que está previsto levar proximamente a cabo en Quiroga, ao igual que nos outros seis municipios pertencentes á Asociación Río Lor. Este proxecto será financiado polo plano Leader Plus, que tamén sufraga a edición desta nova guía turística.