? alcalde do Courel, José López Fontal asinou onte un convenio coa Consellería de Política Agroalimentaria que permitirá a realización das obras de asfaltado da estrada que une as localidades de Eiriz e Lousadela, nun tramo que 4.100 metros de lonxitude. O custo do proxecto elévase a 110.000 euros. Segundo o delegado provincial da consellería, José Ramón Molinero, os traballos comezarán a finais do presente mes. Con esta obra completarase o asfaltado do vial existente entre Baldomir e Lousadela, mellorando considerablemente as comunicacións da zona sur do Courel co veciño municipio do Incio. O goberno local considera que esta mellora ten unha grande importancia, non só para facilitar os desprazamentos dos veciños do municipio, senón tamén para o fomento do turismo. O alcalde sinala que o novo vial permitirá acceder con máis facilidade ás aldeas de Seceda e Cortes, nas que actualmente se leva un proxecto de resturación integral financiado polo plano Leader Plus. Por outro lado, o goberno municipal do Courel espera que nun prazo de quince días estea rematada a primeira fase da construcción da rede de saneamento de Seoanel, dotada cun presuposto de 120.000 euros. Unha vez terminados os traballos, sairá a concurso a fase segunda e definitiva das obras, na que se investirán cerca de 60.000 euros e que, segundo a alcaldía, estará concluída como moi tarde a finais do próximo verán. O Concello espera que a posta en funcionamento deste servizo dea pé á creación de novos establecementos turísticos en Seoane e facilite as actividades dos xa existentes.