O constructor do vello viaducto monfortino reivindicou a sua autoría nun documento datado hai 412 anos A obra realizouse entre serias dificultades económicas a fins do século XVI
11 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.? diferencia do que sucede con outros monumentos emblemáticos de Monforte, son moi escasos os datos históricos que se conservan sobre a construcción da ponte vella, onde se están a executar actualmente unhas polémicas obras encadradas no proxecto de reacondicionamento do Cabe. Sen embargo, coñécese con precisión o nome do responsable directo da obra. O único documento localizado ata agora segue a ser o testamento do seu constructor, Pedro Rodríguez de Remberde, redactado o 29 de xullo de 1591. «Yo hice la puente de la villa de Monforte que va para San Antonio», deixou escrito o mestre canteiro no castelán típico da época nun protocolo rubricado en Sarria por un escribán chamado Gregorio Fernández e recollido polo historiador Pablo Pérez Constanti no seu Diccionario de artistas que florecieron en Galicia entre los siglos XVI y XVII . Neste documento, o constructor afirma que aínda non recibira tódolos seus honorarios. «Dello se me resta debiendo más de mil ducados y los papeles están en poder de Suero Sánchez, escribano del Regimiento (concello) de Monforte», explicou. Por este motivo, encomendou ós seus herdeiros que reclamaran ás autoridades municipais os documentos relativos á obra e que esixisen o pagamento da cantidade adebedada. Tal reclamación, ó seu parecer, era tanto máis xusta canto que el mesmo tivo que adiantar diñeiro para sufragar as obras. «Gasté mucha parte de mi hacienda en la dicha puente», aseguraba. Estes problemas non foron os únicos que rodearon a obra. Segundo se desprende do documento, o proxecto foi encomendado en primeiro lugar a Alonso Rodríguez de Remberde -probablemente irmán de Pedro-, quen debeu ter serios problemas económicos para realizalo, ata o punto de quedar empeñado e ingresar en prisión por débedas xunto cos seus fiadores. Entre eles estivo Pedro Rodríguez de Remberde, a quen os demais fiadores encargaron finalmente a obra.