Celestino Torres cre que a mensaxe do nacionalismo moderado segue vixente e critica o seguidismo dos grandes partidos Celestino Torres non comprende moi ben aínda o que pasou en Coalición Galega, pero mantén dúas conviccións ó respecto: a alternativa do nacionalismo moderado foi liquidada por «presións externas», que prefire non concretar, e aquel «fagámonos respectar» que lle serviu de lema segue a estar vixente. Torres recela da obediencia debida dos grandes partidos.
22 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Os movementos para configurar unha oferta de nacionalismo convincente de cara ás eleccións municipais previstas para o próximo ano comenzaron xa. Celestino Torres fala do pasado e do futuro desta opción no contexto actual da política galega. : Un virus a extirpar . «O final de Coalición Galega foi para min un misterio. Non se pode entender moi ben como un grupo parlamentario de once persoas que sempre mantivemos unha relación cordial apareceu dividido da noite á mañá. Considero que a Coalición Galega eliminárona por presións externas. Hai unha frase dun político relevante da época que viña a dicir que eramos un virus que había que extirpar. Acabaron coa opción que representabamos, pero o noso lema electoral, o de fagámonos respectar, segue a estar vixente. Penso que facía e fai falta un nacionalismo moderado que pida para Galicia respecto e igualdade de dereitos, ser tratados como os demáis, nin máis nin menos». : Aprecio por Fraga . «Estiven moi a gusto no grupo parlamentario do PSOE e se fun a algún mitin do BNG foi por corresponder a unha invitación. É máis difícil que vaia a un acto do PP porque neste caso non teño a mesma confianza. O meu respecto á figura de Fraga non se debe a unha relación persoal, senón institucional. Todos temos defectos, pero debo dicir que Fraga sempre foi respectuoso coa institución municipal que representei. Tivo un respecto que non mantiveron moitos conselleiros». : Político atípico. «Recibín ofertas doutros partidos, para que ocultalo, pero non as aceptei. A pesar de ser político oficialmente, ás veces penso que non o son. Coloco ás persoas por enriba das ideoloxías, que hoxe vexo demasiado radicalizadas. Eu non acato polas boas a disciplina de partido, hai cousas de interese para o pobo que son máis importantes». : Esmolas e poder. «Creo que a preponderancia do PP en Galicia tivo consecuencias negativas. A xente chegou a pensar que se te apartas do partido que ocupa o poder non vas recibir nada. Estamos un pouco a mercede das esmolas, cando do que se trata é de exercitar os nosos dereitos». : O falso centro . «Todo o mundo sabe que entre o electorado hai un sentemento maioritariamente centrista e os grandes partidos tratan de apropiarse del. Amagan cara ó centro, intentan facelo seu. Dende o meu punto de vista, non hai centro que valla cando se impón a disciplina de partido, ou cando se ampara a uns suxeitos que golpean a unha persoa só porque é doutra cor. Hoxe estase a configurar un sistema autoritario e non verdadeiramente democrático. Todo está demasiado mediatizado. Fálase de maxistrados postos por un partido ou outro e iso non me parece bo». : Idea da política . «A miña presencia na política responde a un compromiso coa xente que pensa que é posible unha alternativa de centro, verdadeiramente independente, que defenda os intereses dos galegos dentro dunha concepción solidaria do Estado. Cada vez que falo agora no salón de plenos de Monforte, a presidencia desata unha tormenta. Pero eu non renuncio a cumprir o meu compromiso de velar para que os cartos públicos cheguen ó seu destino».