FRANCISCO ALBO A ENTREVISTA Valentín Arias, coautor da biografía do empresario e mecenas Antón de Barreiros O escritor sarriao Valentín Arias está a piques de publicar unha biografía do empresario e mecenas Antonio Fernández López, ou Antón de Barreiros, que escribiu xunto con Avelino Pousa Antelo. Os dous autores do libro «Antón de Barreiros, empresario dun país e dun tempo» coñeceron persoalmente ao biografado, con quen colaboraron nos seus proxectos educativos. O fundador da Granxa de Barreiros e de numerosas empresas galegas, falecido en 1971, é para Valentín Arias todo un referente moral.
23 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A biografía de Antón de Barreiros será publicada en breve pola editorial Ir Indo e presentarase no curso universitario de verán que se celebrará proximamente en Sarria. -¿Con que obxectivo escribiron esta biografía? -Pretendemos facer xustiza a un home que fixo moitas cousas por Galicia. Fernández López era un home moi intelixente e culto, cunha grande preocupación social e cultural. Tamén era unha persoa moi tímida, aínda que iso é menos sabido. Foi un empresario, reformador e filántropo absolutamente singular en calquera época e lugar, e máis aínda na Galicia do seu tempo. O título do libro débese a que el foi un home do seu tempo e do seu país cando ninguén o era. -¿Como se pode resumir o labor empresarial de Antón de Barreiros? -Nunca foi un empresario especulativo. Todas as empresas que fundou e cofundou respondían ás necesidades reais que tiña o país nesa época, e non a un afán por gañar diñeiro. Cementos de Oural surxíu porque el andaba metido en obras e viu que en Galicia non era fácil conseguir cemento, porque aquí non se fabricaba e había que traelo de fóra. Entón falou co xeólogo Isidro Parga Pondal, amigo seu, e este indicoulle os lugares máis apropiados para fabricar cemento. Outras iniciativas súas, como a fundación da Granxa de Barreiros e do colexio Fingoi e a financiación de cursos agropecuarios, debéronse á súa preocupación pola educación e polo desenvolvemento do campo. -¿E no que respecta ao seu papel de mecenas? -O seu mecenado tamén foi singular. Non era dos mecenas que fan obras para a súa maior gloria, como un indiano que por ostentación manda erguer un cruceiro na súa aldea. El procuraba que non se soubese o que facía e apoiou cousas que podían acarrexarlle problemas serios. Foi cofundador da editorial Galaxia, nunha época moi difícil, porque lle pareceu un proxecto importante para Galicia e a súa cultura, cando nin el nin a súa familia eran oficialmente galeguistas.