«A literatura debe executar unha vinganza contra a historia»

La Voz

LEMOS

F. ALBOXENTE DAS LETRASAntón Rodríguez López, poeta e escritor monfortino O monfortino Antón Rodríguez López, tamén coñecido polo seudónimo Antón Lopo, desenvolve un intenso labor literario desde 1987, ano en que apareceu a súa primeira obra. No seu haber cóntanse seis libros de poesía, varios ensaios e relatos e dúas novelas, a última das cales, «Isobel Hill», saíu do prelo hai poucas semanas. Desde hai tempo colabora coa escritora Ana Romaní e con outros artistas na realización de espectáculos que combinan múltiples formas de expresión.

20 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda que reside habitualmente en Santiago, Antón Rodríguez López visita con moita frecuencia a súa cidade natal, que ten unha presencia importante na súa obra literaria.-¿A súa última novela tamén está ambientada en Monforte como a anterior, «As reliquias»?-Sí, tamén ten relación con Monforte. É unha revisión dos clásicos de terror, inspirada particularmente nunha antiga película titulada She, e transcorre entre Monforte e a India. A acción de As reliquias estaba situada en Monforte e en Puno, unha cidade do Perú que foi fundada por un conde de Lemos. Estas ligazóns xeográficas son unha forma de situar a Monforte e a Galicia no mundo.-¿Considérase máis poeta que narrador?-Non fago moitas diferencias entre os xéneros literarios e sempre trato de fundilos. Meterse a escribir unha novela require un esforzo máis sistemático. A poesía é un instante, momentos que se captan. Creo que o máis importante na literatura é desenvolver unha visión da historia ou máis ben executar unha vinganza contra a historia e contra a morte. De todos os xeitos, a literatura é unha das miñas formas de manifestarme e non necesariamente a máis importante.-Ultimamente traballou en espectáculos audiovisuais con Ana Romaní.-As intervencións que fixen con Ana Romaní son para min o máis interesante que levo feito nos últimos anos. Traballamos conxuntamente en dous espectáculos, O outro extremo do paraíso e Lob@s, con música de Rodrigo Romaní, ex membro de Milladoiro, e do Home Xirafa, un compositor electrónico. Estes espectáculos foron presentados en Santiago, A Coruña, Ferrol, Noia e outras localidades. O importante destas iniciativas é que permiten que os poetas se instalen nun espacio físico e manteñan un contacto directo co espectador. Normalmente, o poeta está confinado nun espacio puramente mental representado pola páxina impresa.-¿Non ten previsto representar algún destes espectáculos en Monforte?-Polo momento non, e non porque eu non queira, senón porque en Monforte ninguén nos chamou para realizar estas intervencións. En principio pensei que poderíamos desenvolver aquí un espectáculo deste tipo e considero que o antigo depósito de máquinas de Renfe sería un bon lugar para facelo.