Pais presentes, pero ausentes

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

Un padre que está presente es el que está disponible y accesible para su hijo a nivel emocional
Un padre que está presente es el que está disponible y accesible para su hijo a nivel emocional MARCOS CREO

Claves para mellorar a conexión emocional cos fillos

15 nov 2019 . Actualizado a las 09:10 h.

Luisa acode cada tarde ás cinco en punto á porta do colexio para recoller á súa filla de 10 anos, Eva. Hoxe faino ao mesmo tempo que recibe unha chamada de traballo importante polo teléfono móbil: ten que enviar un informe completo canto antes e está bastante angustiada. Así que apenas ten tempo de mirar á cara á súa filla. Iso si, dálle a man, pásalle o bocadillo da merenda e acompáñaa ata a porta da clase de música, a dez minutos andando. Cando Eva sae desta actividade extraescolar non lle espera a súa nai, que se foi á casa a traballar co computador, senón o seu pai, que entre unha reunión de traballo e ir facer a compra atopou dez minutos para recollela e deixala na casa para que faga os deberes.

Enseguida chega a hora de cear: a Eva permítenlle facelo soa no seu cuarto vendo a súa serie de televisión favorita, mentres a súa nai acaba ese traballo pendente e seu pai tómbase no sofá a ver o fútbol. «Non apagues a luz tarde, cariño!», advírtelle a súa nai desde o cuarto de á beira. Hai días nos que non hai nin un anaquiño de relax para compartir e conectar cos fillos…, pero esta conclusión non debería facernos sufrir ou provocarnos sentimento de culpa, sobre todo se esta situación de falta de comunicación só se dá de forma esporádica. Ao contrario, ser conscientes de que para educar é imprescindible acompañar, estar presentes e dedicar tempo de calidade é o primeiro paso para buscar solucións.

O certo é que hoxe en día fálase, cada vez máis, de pais fisicamente dispoñibles (que levan e traen aos seus fillos ás actividades extraescolares, que lles compran o que necesitan, que pagan os seus gastos e se preocupan polas notas que sacan…), pero emocionalmente ausentes (que non son capaces de comunicarse con eles, de establecer complicidade, de saber como se senten, de crear confianza…).

Un pai que está presente é aquela persoa que está dispoñible e accesible para o seu fillo a nivel emocional. Trátase dunha figura estable que dá seguridade porque transmite afecto, apoia de forma incondicional e establece as normas e os límites necesarios para o crecemento. É así como se crea un vínculo afectivo seguro, fundamental para o desenvolvemento intelectual, psicolóxico e emocional equilibrado.

Non se trata de estar dispoñibles as 24 horas do día os sete días da semana, porque isto é imposible, ademais de innecesario. Senón de buscar tempo (de calidade) para acompañar aos fillos e compartilo con eles. Á fin e ao cabo, como di o expresidente de Uruguai Pepe Mujica: «A felicidade é garantirse tempo para cultivar os afectos».

Pegamento emocional

A continuación, dez claves para formar vínculos afectivos fortes e seguros:

 

1 Dedícalle tempo, o que poidas. Pero ten en conta que non é suficiente con estar á súa beira de corpo presente: tamén hai que buscar momentos para interactuar con eles, compartir tarefas cotiás, xogos, charlas, lecturas, películas..., e falar de sentimentos… A poder ser, co teléfono móbil desconectado e sen as interferencias constantes das pantallas.

 

 

2 Quéreo e dillo. Os pais queren aos seus fillos, iso é algo evidente. Pero non sempre o manifestan coa suficiente claridade. Deben dicirllo con palabras, sen cortarse: «Quérote moitísimo», «Encántame como es», «Que saibas que sempre te apoiarei»… Ademais de dicirllo hai que demostrarllo no día a día, amosando interese polas súas cousas, preguntando, felicitando, esixindo…

 

 

3 Abrázao, sorrille, bícao. O contacto físico é unha necesidade biolóxica e psicolóxica fundamental para o ser humano. Os nenos que non foron bicados, acariñados e abrazados polos seus proxenitores tenden a padecer graves trastornos.

 

 

 

4 Escoita o que sente e pensa. Mostra interese polo que che conta, mírao aos ollos, respóndelle. Non o xulgues demasiado rápido: deixa que exprese as súas emocións e que se sinta libre para contar o que lle apeteza. Cando escoitamos aos nosos fillos con aprecio e aceptación, demostrámoslles que nos importan.

 

 

 

5 Practica a empatía. Ninguén mellor que ti coñece ao teu fillo. Aprende a ler as claves emocionais dos seus diferentes estados de ánimo e axúdao a expresar como se sente. Enfado, rabia, frustración, alegría, excitación… todas as emocións teñen o seu sitio.

 

 

 

6 Sé firme cos límites. Fortalecer o vínculo afectivo e mostrarse comprensivo non significa ser brando nin permisivo cos límites educativos. Ao revés, estas liñas invisibles oriéntanos sobre como deben comportarse e ofrécenlles a seguridade que necesitan para crecer nun ambiente de tenrura e firmeza.

 

 

 

7 Utiliza o sentido do humor. É unha ferramenta moi valiosa que podes empregar para comunicarte co teu fillo, para rebaixar o nivel de estrés e para resolver conflitos con maior flexibilidade e distanciamento.

 

 

8 Fala das túas emocións. Se tiveches un mal día, por exemplo, dillo, e coméntalle qué che faría sentirte mellor ou que estratexias utilizas para dominar as emocións negativas. É o mellor xeito de que te comprendan e aprendan a xestionar as súas propias emocións.

 

 

 

9 Apréndelle a xestionar a frustración e a ser paciente. Non todo se pode conseguir xa e agora. Ás veces haberá que pospor os momentos compartidos e non sempre poderemos estar dispoñibles para eles.

 

 

 

10 Busca momentos de complicidade cotiá e convérteos en ritos. Charlas á hora da comida, paseos de volta á casa comentando que tal foi o día, contos na cama, conversacións relaxadas xusto antes de durmir... son algunhas pequenas estratexias coas que estar presente de verdade e nutrir de amor ese cerebro en pleno desenvolvemento.

 

 

 

 escuela de familias

 

? TEMA DO MES: Os vínculos afectivos.

 

? ETAPA: Infancia e adolescencia.

 

? A FRASE: «Todos os nenos teñen un radar de autenticidade enorme e saben cando un pai, ou unha nai, realmente está ou non está» (André Stern).

 

? COMPORTAMIENTOS QUE CONVÉN EVITAR: Comportarse como pai ausente a nivel emocional (o que acabará por converter aos fillos en adolescentes ou adultos ausentes).

 

? ALGUNHAS CLAVES: Reservar pequenos momentos de calidade no día a día.

 

? PARA SABER MÁIS: «El valor de la vida», de Pepe Mujica.

https://cutt.ly/KeR5sWE