A pegada do árabe en Galicia

LA VOZ DE LA ESCUELA

Igrexa de San Martiño na Mezquita, un concello de nome claramente árabe
Igrexa de San Martiño na Mezquita, un concello de nome claramente árabe MIGUEL VILLAR

Repaso á herdanza da invasión musulmá na toponimia e no léxico galegos

28 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A nosa visita estival a terras andaluzas, da que falaramos a comezos deste curso en La Voz de la Escuela, fíxonos caer na conta de que no levante meridional é imposible dar un paso sen atopar un topónimo de herdanza árabe, o que nos levou a indagar se tamén tería deixado a súa pegada na xeografía galega, onde os mouros recuaron ao pouco de chegar.

Daquela estivemos tamén en Níjar, un topónimo de orixe antroponímica. Debe o seu nome a Abd al Rahman III, oitavo emir dos Omeias, que se proclamou califa de Córdoba e adoptou o nome de Al Nasir li Din Alah (‘o vencedor pola relixión de Alá’). Níjar deriva do alcume Nasir.

Cabo de Gata é exemplo dun fenómeno rechamante. A etimoloxía máis admitida faino derivar do latín capita (o plural de caput), pero evolucionado a través do árabe. Significa ‘punta’ e é tamén o étimo da palabra cabo, polo que estariamos ante unha redundancia: ‘cabo do cabo’. A Almadraba de Monteleva ten un primeiro elemento árabe que significa ‘lugar onde se golpea’, mentres que o segundo é un composto de montar e levar, latinos. Almadraba de Monteleva refírese á esta técnica de pesca do atún, para a que a orografía da zona era axeitada.

Níjar está a carón da cidade de Almería. Este topónimo pode estar relacionado coa torre de vixilancia máis alta do cerro da Alcazaba, chamado Al Mariyat Bayana, que significa ‘a atalaia de Pechina’. Amais doutras explicacións, hai unha que sinala que no ano 931 Abd al Rahman III ordenou construír unha armada no porto de Pechina, e o almirante que puxo ao mando, Muhammad ibn Rumahis, probablemente era mozárabe e transformou o porto na cidade de Almariya (‘María’, pola Virxe), un topónimo que se repite noutros lugares.

MESQUITAS EN GALICIA

Esta rápida incursión na toponimia andaluza púxonos diante da pregunta inevitable: haberá tamén en Galicia topónimos de orixe árabe? E axiña vénsenos á cabeza o concello ourensán da Mezquita. Parece que si, aínda que non sexa unha resposta incontrovertida (outra explicación tírao do nome vulgar do arbusto Ruscus aculeatus), por evidente que pareza a súa etimoloxía. A controversia, neste como noutros casos (tan claros como o da Almuzara de Ourense ou a praia da Mourisca, preto do cabo Udra), deriva de que é pouco probable que os nomes destes lugares os puxeran os árabes, pois a súa presenza en Galicia foi moi breve. Porén, hai que ter en conta outras influencias para explicalos. Citamos algúns, sempre coa salvidade de que poidan achegarse outras explicacións.

O do coñecido concello de Sada pode ter a súa orixe no dunha cidade (de Iemen), ao igual que o de Orán (no concello lucense de Pol) teno no da cidade alxeriana. Tamén o de Valdolide (lugares de Lugo, Ourense e A Coruña) toma como referencia a cidade de Valladolid, en Castela, é dicir, Bala al Walid (‘lugar de Walid’), polo seu fundador, o príncipe Walid Abu al Abás. A Laracha, o concello coruñés, ten analoxía con Larache, cidade e provincia de Marrocos, aínda que Moralejo Lasso tira o seu étimo do antropónimo Lara, que está tamén na orixe doutros nomes, como Laraxe. E algo similar ocorre con Rábade: a súa xemelga pode ser Rabat (‘posto de fronteira’), a capital de Marrocos.

O étimo de Maimón (lugares de Irixoa e de Ourense) é o antropónimo Maymun, e tamén de antropónimos proveñen Názara (en Cenlle, Ourense), cuxa orixe pode ser a mesma cá de Níjar, o alcume Al Nasir que tomara Abd al Rahman III. San Mamede, que se repite moitas veces en todas as provincias, relaciónase con Muhamad, o nome do profeta.

Como cabía esperar, son numerosos os topónimos, moitos deles repetidos, que parten de palabras relacionadas coa vixilancia, defensa e control do territorio, como en tantos outros lugares da Península. Así, A Atalaia (‘posto de observación’), Barxa (de al bury, ‘torre’) ou Alfoz (de al hawz, ‘territorio que depende doutro’). E os relacionados con calquera actividade humana: Acea (a de Ama e outras) e As Aceñas (veñen de al saniya, ‘nora, muíño’), Almuíña (de al munya, ‘horta, casal, granxa’), Aduana (de ad-diwan, ‘lugar de pago de aranceis’) ou Almacén (de al majzan, ‘depósito de mercadorías’). Por non falar dos 172 lugares recollidos polo nomenclátor da Xunta dos que forma parte Aldea (de al day’a, que significa ‘vila’, ‘granxa’ ou ‘lugar poboado pequeno’).

E para acabar, unha curiosidade: Guadalupe, un composto de wadi e o latín lupus que significa ‘río do lobo’: latín e árabe mesturados e revoltos, como na Almadraba de Monteleva.

E nomes comúns da mesma orixe

Como e por que hai tal presenza do elemento árabe en Galicia é algo que merece unha explicación, pois non cadra coa case total ausencia dos musulmáns no territorio do galego. Mais, como na toponimia, tamén no léxico común os arabismos son máis dos que se pensa. Só termos en conta a unidade do galego-portugués, que foi consistente durante boa parte da dominación árabe da Península, é dabondo para sospeitar.

Porén, non é esta a única xustificación, pois no galego hai préstamos que non ten o portugués (alcalde, que na lingua irmá é prefeito) ou viceversa (un caso coñecido é o de xastre fronte a alfaiate), E mais outros que presentan formas diferentes, tamén das correspondentes do español. Estas diferenzas indican que un arabismo puido entrar (e sufrir, por conseguinte, diferentes procesos evolutivos) en distintos momentos en cada lingua: así, por exemplo, assânya deu en español Azaña (hoxe empregado só como apelido, pois tamén ten aceña), azenha en portugués e acea en galego.

O que xustifica os numerosos arabismos do galego non é só a súa entrada pola vía culta (caso, por exemplo, de álxebra), que podería deberse en boa medida á influencia prestixiosa do castelán, senón sobre todo a vía oral a través do mozárabe. Iso podería explicar por que para os mesmos significados o portugués e o galego optaron nuns casos polo étimo románico (o procedente do latín) e noutros polo árabe romanizado (o mozárabe). Así ocorre, por exemplo, con leituga / alface, canteiro / alvanel, peto / algibeira ou coitelo / faca.

E tamén explica a herdanza mozárabe tantas palabras galegas que difiren do castelán, como ceibe, axóuxere ou a preposición até (do árabe hattá).

actividades 

A1. É indispensable que teñas claro o significado dos termos mozárabe, mudéxar e (lingua) románica. Búscaos no dicionario.

 

A2. Para facer una pequena introdución á toponimia, podes ler un artigo publicado en La Voz de la Escuela («Un compendio de toponimia galega»: https://bit.ly/2pSwAqM) e mais un e-studo de noticias do programa Prensa-Escuela («Toponimia de andar por clase»: https://bit.ly/2yAFmh9).

 

A3. Para localizar os topónimos de Galicia, nada mellor que esta páxina da Xunta: https://www.xunta.gal/nomenclator