Protagonistas do verán

Comezamos o curso co ocorrido nas vacacións, nun repaso á actualidade máis recente

No verán chegou o debate sobre as vantaxes de cambiar en Europa dúas veces ao ano a hora
No verán chegou o debate sobre as vantaxes de cambiar en Europa dúas veces ao ano a hora

Desde mediados de xuño pasaron pouco máis de tres meses, ao redor de cen días, e iso non parece moito tempo, pero foi suficiente para que o noso mundo teña cambiado e xa non siga sendo o mesmo. Os veráns son estacións efémeras, longamente esperados, pero que duran pouco e deixan moitos recordos. Ao acabar o verán estreamos non só un curso novo, compañeiros, aulas, profesores, materias…, temos arredor de nós unha sociedade diferente na que ocorreron cousas inesperadas e xurdiron novos protagonistas. Acontecementos e persoas que foron protagonistas do verán. Para empezar o novo curso con tranquilidade e sen sobresaltos estará ben facer un repaso do que ocorreu neste cálido pero curto verán.

 

POLÍTICA NACIONAL

CAMBIOU TODO

? Pasamos dunha cor a outra. Rajoy desapareceu de escena e volveu ser o que fora moi pouco tempo, rexistrador da propiedade. O PP percorreu a vía dolorosa desde o Goberno á oposición. Un novo líder, Pablo Casado, gañou na loita polo poder dentro do partido conservador. Na cuneta quedou a, en tempos pasados, todopoderosa Soraya Sáenz de Santamaría.

? A exhumación dos restos de Franco e o seu traslado fóra do Val dos Caídos foi un obxectivo inicial do novo Goberno. O asunto non resultou tan fácil como prevían. O tema está a tramitarse mediante un decreto lei referendado polas Cortes. A solución é moi posible que se dilate ata algunha data próxima a Fin de Ano.

? O debate foi derivando cara ao desconcertante terreo das titulacións académicas dos políticos. Non se acaba de entender ben que, no medio de problemas tan graves que afectan o benestar dos cidadáns, o interese dos medios de comunicación e dos políticos se polarice cara a temas tan secundarios.

? Un trazo de humanidade e tenrura dulcificou os rigores da confrontación política. Os dirixentes de Podemos Pablo Iglesias e Irene Montero foron a principios de verán pais de dous xemelgos, Leo e Manuel, que naceron tres meses antes de terminar o período de xestación, polo que tiveron que ser atendidos na unidade especial de prematuros. Toda a clase política solidarizouse cos pais, deixando ao carón as diferenzas ideolóxicas. Os pais relegaron as súas ocupacións habituais durante dous meses e dedicáronse por completo á atención dos seus fillos, participando incondicionalmente no programa de atención hospitalaria de nenos prematuros. O caso serviu para dar visibilidade á calidade de atención da sanidade pública a todos os nados prematuramente.

 

CATALUÑA

NON CAMBIOU NADA

? O independentismo segue na mesma actitude belixerante. As manifestacións de apoio aos presos e os fuxidos da Xustiza repítense unha e outra vez. Os non independentistas tratan de responder e a tensión na rúa vai aos poucos subindo de intensidade.

OS ESTADOS UNIDOS

TRUMP, NA SÚA LIÑA

? Marusía na Casa Branca. Un libro e un artigo anónimo en The New York Times revelaron que altos cargos do Goberno de Trump están a boicotearlle información e documentos para evitar irresponsables decisións do presidente. Trump revolveuse airado e prometeu descubrir ao autor do artigo anónimo para axustar contas con el.

 

EUROPA

INMIGRACIÓN E CAMBIO HORARIO

? Os inmigrantes convertéronse nun problema. Como todos os veráns, a chegada do bo tempo favoreceu a posibilidade de atravesar o Mediterráneo en embarcacións moi precarias e sobrecargadas de persoas. Con frecuencia estas perigosas travesías terminaron en traxedias con náufragos afogados ou rescatados in extremis por embarcacións de oenegués. A chegada de inmigrantes ilegais ás costas do sur de Europa crea tensións na Unión Europea (UE). O ministro italiano Matteo Salvini negouse a aceptar nos portos italianos a quen foran rescatados. Isto levou a perigosas situacións nas que correron riscos as vidas de moitas persoas. A UE carece dunha política clara e precisa ante estas circunstancias.

 

? En Europa xa ninguén cre nas vantaxes dos cambios de horario que se impoñen para o verán e para o inverno. A maior parte dos cidadáns prefiren que haxa un horario único para todo o ano e Bruxelas determinou, en consecuencia, que o último cambio de hora obrigatorio sexa o do 31 de marzo do 2019, é dicir, o día que se acabe o próximo horario de inverno. A partir de aí cada país decidirá se segue a usar indefinidamente o horario de inverno ou o de verán. Déixase de prazo ata o mes de abril do próximo ano para decidilo. Tócanos, pois, debater que horario nos parece mellor e decidir durante estes meses a cal nos adherimos.

 

METEOROLOXÍA

O TEMPO TOLEA

?O bo e o mal tempo conviviron ao longo do verán, sucedéndose días de sol e calor con terribles tormentas e chuvieiras. Unha meteoroloxía contraditoria levounos de días de sol e praia a sentirnos asediados por gravísimas tormentas con innumerables raios e aparello eléctrico, choivas torrenciais, sarabia e grandes ventos. O mes de agosto foi o mes con máis descargas eléctricas sobre España do que vai de século. Caeron 776.126 raios. Todos os días, excepto un, produciuse algunha tormenta en territorio nacional e o día 9 de agosto foi o día do século no que caeron máis raios: 268.396.

 

FÚTBOL

OUTRA FRUSTRACIÓN

? O verán tróuxonos unha nova decepción futbolística. España volveu fallar no Campionato Mundial de Fútbol de Rusia. De novo chegabamos á fase final co cartel de favoritos, despois dunha brillante clasificación na que deixamos na cuneta a Italia e non perdemos un só partido. Pero volvemos fallar no momento decisivo. Todo empezou a descarrilar co cesamento fulminante, probablemente precipitado e innecesario, do seleccionador nacional, Julen Lopetegui, días antes do comezo do campionato. Razón: o anuncio da súa contratación como adestrador do Real Madrid. Foi inmediatamente substituído por Fernando Hierro, pero xa non había tempo para adaptarse á nova situación. Chegamos ás topadas aos oitavos de final e eliminounos Rusia, a anfitrioa, moi inferior a España en calidade. Empatamos 1-1 despois da prórroga, pero os penaltis mandáronnos á casa. O campionato gañouno con solvencia Francia.

ACTIVIDADES

  • Recóllense nesta páxina algúns dos acontecementos que ocorreron este verán. É unha selección subxectiva, feita a criterio dos intereses persoais do autor. Pode analizarse se están ben escollidos, ou se, pola contra, con outros criterios poderíanse ter elixido outros. Invitade os vosos alumnos para que eles elixan o seu propio elenco dos principais acontecementos do verán.
  • Os acontecementos están seleccionados a escala xeral a partir das noticias nacionais. Podería intentarse pechar o foco sobre a propia contorna local. Cales foron as noticias máis interesantes das vosas comunidades? Ponde a traballar os vosos alumnos nese obxectivo a ver que atopan.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Protagonistas do verán