Un día nun instituto finlandés

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Aspecto do comedor do instituto de Kerava
Aspecto do comedor do instituto de Kerava Cristóbal Ramírez

Hai tres idiomas obrigatorios: finlandés, sueco e inglés, e un opcional: francés, alemán, ruso ou español

07 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O termómetro marca 14 graos baixo cero e hoxe é un dos dous días da semana no que os estudantes do instituto de Kerava, a menos de media hora en tren dende Helsinqui, entran tarde, moi tarde: ás dez menos cuarto. E é que moitos deles practican algún deporte e dende pouco despois das oito ata a hora de entrada teñen adestramento. Pero o frío e o feito de que todo estea cheo de neve son, sinxela e claramente, irrelevantes. «O resto dos días entramos ás oito menos vinte e o frío pode ser máis, pero todo funciona normalmente», di unha profesora. Todo funciona, en efecto, e os taxis e coches particulares, así como os autobuses, circulan como se fose verán; iso si, con rodas especiais de inverno. Quen xa non é tan fiable cando se trata de ollar o reloxo é, curiosamente, o tren, que precisamente pola neve chega con catro minutos de retraso.

O instituto de Kerava é un edificio moi grande onde manda dun xeito ata ostentoso a cor branca, agás no enorme e aberto comedor. Parece do trinque, pero o certo é que ten os seus anos e recentemente foi ampliado, ganou en altura e tamén en luminosidade. Unha das subdirectoras remárcao, satisfeita. Ela, a súa colega con igual cargo e mais o seu xefe, o director, son persoas novas que están aí sen que os profesores, alumnos ou pais tivesen nada que ver: foi o concello quen os contratou e, segundo os docentes, «é un traballo para toda a vida, agás aqueles lugares nos que o poidan facer moi mal», o cal non parece ser o caso aquí.

Os mozos teñen entre 16 e 19 anos e fan os tres cursos de bacharelato tras pasar os seis do ensino primario (comezan aos 7 anos, un máis tarde ca en España) e os tres equivalentes á ESO. Apenas hai inmigrantes -si se ve algún romanés moi ben abrigado e pedindo esmola de xeonllos nalgunha rúa da localidade- e o aspecto de grupo humano tan plural non é diferente ao de calquera centro español.

ASPECTOS ESTRAÑOS

A diferenza comeza nas clases, tanto en aspectos formais como de fondo. Nalgún instituto finlandés hai sofás, onde o alumnado se deixa caer e pon os pes enriba dunha mesa. Outros adoptan posturas que distan moito de ser socialmente aceptadas en Galicia, e non faltan quen leven comida o bebida e dean boa conta delas mentres o profesor fala.

Tampouco é estraño ver alumnas atendendo collidas da man ou do brazo. O que si é raro é ver a alumnos tomando notas; ou quizais algúns o fan, pero sempre no ordenador, na tableta (non abundan) ou no móbil. ¿Papel? E quedan mirando con cara de asombro a este enviado especial e un di con cara de anguria: «Eu non teño bolígrafo nin nada que escriba». Media ducia dos seus colegas corren a argumentar o mesmo.

Choca. E choca máis que cando comeza o curso cada un dos centos de alumnos do instituto de Kerava receba un ordenador portátil que debe devolver cando chegan as vacacións de verán. Non paga por el, como non paga polo xantar, que, en plan autoservicio, se va servindo na cantidade que cada un queira e sen montar alboroto algún.

Anne Hänninen, profesora de Español que leva 14 anos dando clases en Kerava, non parece nada descontenta cos seus alumnos, aínda que precisa que tamén chega ao instituto algún adolescente inmaduro. Os idiomas obrigatorios son finlandés, sueco e inglés, e logo, se o desexan, cada quen pode elixir francés, alemán, ruso o español. Agora mesmo Anne Hänninenten ten uns trinta alumnos en primeiro curso, «pero polas razóns que sexan en segundo hai menos e en terceiro menos aínda». Pasa en todos os institutos e en todas as linguas. Nunha clase un alumno sabe perfectamente que é o Camiño de Santiago, pero resulta que é un italiano de intercambio e os seus pais son peregrinos. Pero o resto ignoran que a segunda cidade de Finlandia, Turku, forma parte do Camiño Inglés. Anne Hänninen anímase: «Un día gustaríame facer o Camiño de Santiago». Quizais como resultado dos esforzos de divulgación da ruta xacobea que dende hai anos vén levando a cabo a Oficina Española de Turismo e a embaixada de España en Helsinqui en xeral. Non en balde o embaixador, Manuel de la Cámara, é un namorado do Camiño.

Sueco

O instituto de Espoo, o Mattlidens Gymnasium, a unha ducia de quilómetros ao oeste de Helsinqui, é sueco. Non é que sexa unha colonia extemporánea do país veciño, senón que os 1.300 alumnos dese complexo onde hai dende primeiro de primaria ata o último curso de bacharelato estudan nese idioma. Porque Finlandia, que foi sueca -non queren nin oír falar de que foi unha colonia-, ten case o 6 % dos seus cidadáns de fala sueca, sobre todo na que sempre foi capital do país, Turku, que en sueco é Abo. Todos os carteis do país e os avisos de, por exemplo, os trens están en ambos os dous idiomas a pesar de que nas escolas do leste se levantan voces pedindo que se ensine ruso, que lles é máis práctico. En xeral, en Finlandia non hai discriminación con relación a esa minoría, aínda que algúns dos que pertencen a ela aseguran que «hai algún roce de vez en cando».

 actividades

  • Onde vén quedando Finlandia? Cales son as súas fronteiras? Que idioma falan aló? Qué moeda teñen?
  • En Finlandia os alumnos non só teñen dereito a aprender, senón tamén a obrigación. Por iso, que hai que esforzarse é algo que escoitan dende pequenos. Ti tes dereito a aprender? Tes a obriga de facer o esforzo para aprender?
  • Cres que sería boa idea que na túa clase houbese sofás? Estudarías mellor así ou é por comodidade?
  • Cres que é mellor o sistema de España, onde a gran maioría dos profesores son funcionarios e non poden ser despedidos, agás por causa moi grave, ou o finlandés, onde son contratados e poden ser despedidos polo seu empregador?