A Revolución de Outubro

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

Asemblea do soviet de Petrogrado en 1917
Asemblea do soviet de Petrogrado en 1917

Onte cumpríronse cen anos, segundo o calendario gregoriano, do asalto dos bolxeviques ao Palacio de Inverno

08 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte, 7 de novembro, fixo cen anos dun dos acontecementos máis transcendentais da historia moderna. A Revolución de Outubro de 1917 que tivo lugar en San Petersburgo cambiou a historia do século XX non só para os rusos que a protagonizaron, senón tamén para toda a poboación do noso planeta.

Moitos dos acontecementos máis importantes contemporáneos desenvolvéronse despois como consecuencia do sucedido en Rusia durante os tempos da revolución. Foi unha revolta social consumada en dous asaltos. O primeiro tivera lugar meses antes, en febreiro do mesmo ano, e terminara co derrocamento da monarquía do tsar e a instalación dunha república cun Goberno provisional de carácter máis ou menos moderado, presidido por Kerensky, pero que carecía da forza necesaria para dirixir o país en momentos tan difíciles. A poboación seguía desesperada pola sangría da guerra europea e polos graves problemas de carestía de materias fundamentais para o seu aprovisionamento. O segundo foi o que tivo lugar o 25 de outubro de 1917, en realidade o 7 de novembro nos calendarios do resto de Europa, porque Rusia era o único país europeo no que seguía en vigor o calendario xuliano, instaurado por Xulio César. Os demais países rexíanse xa polo calendario gregoriano. É segundo este segundo o que se vén de cumprir o centenario.

 

O DÍA DO ASALTO

Tras o primeiro paso revolucionario, o poder aparente quedou en mans de Kerensky, pero o poder real da rúa tíñano os soviets, asembleas de traballadores, soldados e campesiños controlados e organizados polo Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia. Neste partido convivían dúas faccións enfrontadas entre si, os menxeviques e os bolxeviques. Estes, dirixidos por Lenin e Trotsky, eran menos numerosos, pero moito máis radicalizados. Había, pois, unha loita polo poder entre socialistas máis ou menos comprometidos coa aplicación das receitas marxistas da organización social. A iniciativa da Revolución de Outubro partiu dos bolxeviques coa oposición do resto das faccións. Os dirixentes tiveron a habilidade de planificar o asalto ao poder en vésperas da reunión do segundo Congreso dos Soviets e deron o protagonismo da insurrección aos soviets de San Petersburgo, que actuaron por medio dos mozos da Garda Vermella, e eles foron os que a pesar de ser menos numerosos levaron o gato á auga.

A acción revolucionaria resultou incruenta. Lenin incorporouse á sede do soviet de San Petersburgo na media noite anterior e ás 10 da mañá emitiu unha proclama que depuña o Goberno e entregaba o poder estatal ao órgano de dirección do soviet de Petrogrado. A rebelión estaba consumada. O asalto ao Palacio de Inverno, residencia do Goberno, realizouse con escasos efectivos e producíronse moi poucas baixas. Participou o cruceiro Aurora, que disparou canonazos de fogueo para iniciar o ataque e despois algúns canonazos reais que causaron danos materiais irrelevantes: unha participación sen importancia, que quedou no imaxinario popular como unha fazaña épica. Os defensores do palacio, cadetes sen experiencia, opuxeron moi pouca resistencia. O Goberno en pleno foi detido polos asaltantes, excepto o seu presidente, Kerensky, que viaxara cara á fronte de guerra máis próxima para buscar unha axuda do Exército que nunca recibiu. O Goberno de Kerensky estaba tan debilitado que ninguén saíu na súa axuda e os soviets ocuparon a capital sen que a poboación se apercibise. Morreron no asalto ao Palacio de Inverno seis militares.

Esa mesma noite estaba reunido o Congreso Panruso dos Soviets e nel impuxéronse as teses dos bolxeviques de Lenin, aínda que non eran maioría, e formaron un Goberno exclusivamente bolxevique. Moitos socialistas doutras faccións abandonaron o congreso e iso foi un pecado orixinal que habería de custar moitos sufrimentos ao pobo.

 

A guerra civil

A revolución triunfara na rúa con moita facilidade, pero a situación distaba moito de estar controlada porque o enfrontamento aniñaba entre os seus promotores. Os bolxeviques impuxeron unha política de forte represión das disidencias, xurdiron tribunais contrarrevolucionarios que sementaron o terror e foron creando o ambiente para que o proceso terminase no estalido dunha guerra civil entre o exército vermello do Goberno e o exército branco dos rebeldes.

Esta guerra civil prolongouse ata xuño de 1923 e terminou coa vitoria do exército bermello. Durante os duros tempos da guerra civil foise organizando o Estado grazas ao que se chamou o comunismo de guerra: nacionalizouse toda a industria, fíxose colectivo o traballo no campo e requisáronse todos os produtos del. Todo iso serviu para que se establecesen as bases dun novo modelo de Estado diferente do liberal burgués habitual no mundo occidental. Substituíuse pola chamada ditadura do proletariado, na que existía un partido único, o Comunista, e todas as decisións se centralizaban nos seus altos dirixentes. A propiedade privada quedou abolida. Fíxose colectiva a terra e todos os medios de produción e concedeuse unha polo menos aparente autodeterminación a todas as nacionalidades que integraban o inmenso Imperio ruso.

Só despois deste longo proceso puido crearse a URSS, a potencia que amedrentou a medio mundo ao longo de anos terribles na historia de gran parte do século XX.

actividades

1. A literatura produciu moitas novelas que narran acontecementos relacionados con estes feitos históricos. Dúas delas adquiriron relevancia entre os lectores contemporáneos: «Doutor Zhivago», do premio nobel ruso Boris Pasternak, e «A caída dos xigantes», de Ken Follet, primeira entrega dunha triloxía sobre a historia do século XX. Relede algunhas pasaxes escollidas delas para recrear coa imaxinación vivencias de protagonistas daqueles momentos históricos.

2. Que consecuencias tiveron para a historia do mundo os acontecementos narrados aquí? Facede unha relación de feitos históricos do século XX que tivesen a súa orixe na Revolución rusa e as súas consecuencias.

3. Que aspectos positivos se derivaron da implantación do réxime comunista na URSS? Que consecuencias negativas?