O dodo
Vivía na illa Mauricio, no océano Índico. Os seus parentes máis achegados eran as pombas, pero parecíase moi pouco a elas. O seu illamento nun lugar apartado do mundo facilitara que evolucionase cara a un gran tamaño e a perda da capacidade de voo. Ao carecer de inimigos naturais, non precisaba asucar os aires. Durante milenios atopaba no chan canto necesitaba para vivir. Ata que os primeiros humanos chegaron a Mauricio no século XVI. Cen anos despois xa só existían dodos disecados.
O arao xigante
Durante o inverno chegaba nadando a Galicia desde as súas colonias no norte do océano Atlántico. De feito, en varios xacementos arqueolóxicos da nosa costa acháronse restos desta ave, que era parte do menú dos nosos antepasados. Non voaba. As súas ás eran moi pequenas. O que si facía moi ben era mergullar para pescar. Durante décadas as súas colonias en illotes apartados foron saqueadas polos pescadores de bacallau ou de baleas. Era un xeito fácil de obter carne. A última parella foi morta en Islandia en 1844.
O golfiño de río chinés
A expedición que no 2006 se organizou para buscar algún exemplar deste cetáceo de auga doce no río Yangtsé, en China, terminou sen atopar nin un só. Ao ano seguinte, un pescador obtivo imaxes dun exemplar. É o último de que se ten noticia. Actualmente as autoridades mundiais considérano extinto. Nas beiras do río Yangtsé vive nada menos que o 12 % da poboación humana do planeta.
O tigre de Tasmania ou tilacino
Cada certo tempo alguén di ter visto un en Tasmania ou Australia, as súas áreas de distribución orixinais, pero nunca con probas claras. O último coñecido morreu no zoo de Hobbart, en Tasmania, en 1936. Era un marsupial, como os canguros. Só que evolucionara ata adquirir a forma dun pequeno lobo. Cando os primeiros colonos europeos chegaron a aquela illa do sur do Pacífico, decidiron que era unha ameaza para as súas aves de curral e as súas ovellas. Foi perseguido ata o exterminio.
A cabra montesa dos Pireneos
Era unha subespecie da cabra montesa que vivía só nesa cordilleira montañosa entre España e Francia. A súa pelame e cornos eran máis longos que nas outras subespecies. Canto máis rara se volvía máis cazadores intentaban facerse cun exemplar para a súa colección. Cando se protexeu era xa demasiado tarde. A súa cifra era demasiado pequena como para asegurar unha poboación viable. O último exemplar, unha femia, foi achada morta xusto a principios deste século, no ano 2000.
Dugongo ou vaca mariña de Steller
Cos seus 8 metros de lonxitude e ata 10 toneladas de peso, foi un dos animais máis extraordinarios de cantos atoparon os primeiros exploradores das zonas árticas do océano Pacífico. Estaba emparentado cos manatís e era moi manso. Foi descuberto en 1741 durante unha expedición rusa á contorna da illa de Kamchatka. A caza á que foi sometido foi tan intensa que en 1768 xa só se atopou un exemplar. Foi o último.