Bolboretas e couzas

La Voz

ESCUELA

Unha bolboreta dos cardos, que se poden ver nos parques e nas hortas da nosa contorna
Unha bolboreta dos cardos, que se poden ver nos parques e nas hortas da nosa contorna

03 oct 2012 . Actualizado a las 13:15 h.

Autographa gamma é o nome científico dunha couza nocturna que cada primavera alcanza as illas británicas para marcharse no outono. Un recente estudo da Universidade sueca de Lund revelou que o número de exemplares que chega alí é de entre entre 10 e 240 millóns. E que esta cifra se multiplica por catro cando regresan nestes meses cara ao sur. Realmente, non o fan as mesmas couzas, senón as súas descendentes, quen tras ter nacido alí pasáronse logo a súa infancia, en forma de eiruga, devorando follas de menta e cecimbre.

A máis famosa bolboreta viaxeira quizais sexa a monarca. Moi grande e vistosa, desprázase desde o norte de Estados Unidos ata México, e chega a cubrir moitos quilómetros por día. En ocasións os seus números son asombrosos, pero nunca tanto como cando alcanzan as súas áreas de invernada en bosques de terras altas. Entón, millóns delas chegan literalmente a forrar os troncos das árbores, dando lugar a unha paisaxe de fantasía. Algúns anos un exemplar despístase da súa ruta cara ao sur e, arrastrado polos ventos, cruza o Atlántico e chega a Galicia.

Aquí temos as nosas propias bolboretas viaxeiras. Entre elas destaca a bolboreta dos cardos. Tras nacer no norte de África, viaxa en extraordinario número rumbo ao norte. Unha vez máis, son as súas descendentes as que regresan no outono ao sur. Algunhas delas, cando pasan xunto a nós na nosa horta ou nun parque, poden vir de atravesar o mar Cantábrico.