O terrible bucle das «guerras de Gaza»

Miguel-Anxo Murado
Miguel-Anxo Murado O MUNDO ENTRE LIÑAS

INTERNACIONAL

Funeral por un grupo de vítimas dos bombardeos na Franxa de Gaza
Funeral por un grupo de vítimas dos bombardeos na Franxa de Gaza MOHAMMED SALEM | Reuters

17 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A esta altura do século pódese falar xa dunha variante específica da traxedia de Oriente Medio: «a guerra de Gaza». Este é un tipo de conflito que se repite ciclicamente, seguindo unha dinámica similar, sempre cos mesmos resultados catastróficos, especialmente para a poboación civil gazatí; e cunha resolución en falso que, desgraciadamente, fai prever unha repetición do drama máis adiante. Os dilemas e a mesquindade de obxectivos que se presentan para os líderes dun e outro campo son tamén sempre os mesmos. En Gaza, a organización Hamás sabe que golpear dentro de Israel terá un custe terrible para a poboación palestina, pero descóntao xa de partida e só pensa no impacto psicolóxico que logrará contra Israel, mesmo se moi poucos dos seus mísiles chegan a caer alí (menos dun 20 por cento; de feito, a cuarta parte caen sobre a propia Gaza). Así, na presente rolda de violencia, Hamás estará satisfeita de ter logrado alcanzar unha cidade israelí tan distante como Tel Aviv. Se os islamistas continúan disparando mísiles (e a verdade é que parecen contar cun arsenal moito maior do que se pensaba) será porque, como no 2014, queren atraer ao exército israelí a unha confrontación dentro de Gaza, seguramente coa intención de capturar algún soldado para empregalo como moeda de cambio. Pero entón o custe podería superar esas pírricas vitorias psicolóxicas.

Polas súas propias razóns, Israel resistirase o máis posible a lanzar esa operación terrestre; aínda que isto é algo que non pode descartarse completamente. Desde o 2014 o Exército israelí está mellorando a blindaxe dos seus vehículos con vistas a esa eventualidade (pensan que o seu relativo fracaso no 2014 se debeu á súa vulnerabilidade aos RPG, os mísiles portátiles autopropulsados). Mais só haberá invasión terrestre se algún dos ataques de Hamás provoca unha catástrofe dentro de Israel. De non ser así, os israelís centraranse en intentar matar a algún líder importante de Hamás, golpear os túneles polos que entran en Gaza os mísiles (e todo o demais), e alentar o pánico entre a poboación coa esperanza de que esta faga forza a Hamás para que deixe pasar o maior tempo posible entre esta escalada e a próxima.

De xeito que, despois destes días de violencia, ambos bandos encóntranse xa no punto no que aos dous lles convén un cesamento de fogo. Se non hai acordo, existe para Israel o risco de que a organización libanesa Hezbolá, que desde hai tempo que teme unha operación israelí contra eles, aproveite a situación para abrir outra fronte, como ten sucedido no pasado. Pero non é o máis probable. Hoxe ou mañá, seguramente, empezaremos a escoitar falar dunha mediación, posiblemente a cargo de Exipto. Hamás esperará sacar disto unha relaxación do bloqueo ao que está sometida Gaza por parte dos exipcios. A Israel abóndalle con que se restableza a situación previa. Por desgraza, a situación previa é a que conduce a que se repitan estas guerras de Gaza.