A cesión do espazo ao Parlamento, a reforma pola deterioración e a difusión ao público, tarefas pendentes
21 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, o cuarto símbolo xunto á bandeira, o escudo e o himno, é talvez o gran tesouro esquecido de Galicia, recentemente desempoado, e ao que aínda lle queda moito para poder brillar con luz propia. Rescatado do limbo xurídico no que deambulou durante moitos anos —grazas a unha lei aprobada no 2023 pola unanimidade das tres forzas políticas—, este espazo, localizado na igrexa de San Domingos de Bonaval de Santiago, fica agora nas mans dunha fundación adscrita ao Parlamento, depositario da soberanía popular. Non foi tarefa fácil, nin a nivel político nin institucional, pero o lugar ten agora diante enormes desafíos: a cesión definitiva do espazo ao Parlamento (tanto por parte do Arcebispado coma do Concello), a rehabilitación e reforma integral dun espazo con problemas de humidade, térmicos e acústicos e, sobre todo, a necesaria divulgación cultural dun lugar aínda descoñecido para moitos cidadáns.
Estas son as principais conclusión do foro organizado este venres en San Domingos de Bonaval por La Voz de Galicia e a Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, que reuniu en Compostela os actores principais que escribiron esta historia e os que teñen a responsabilidade de escribila no futuro máis inmediato.
O primeiro, unidade
Os portavoces dos tres grupos políticos que negociaron aquel acordo —Pedro Puy, do PP; Ana Pontón, do BNG, e Luis Álvarez, do PSdeG— puxeron en valor o esforzo conxunto para antepoñer os elementos de unión que permitisen chegar a un gran pacto. Cómpre lembrar que a iniciativa foi firmada polos tres partidos, un nivel de consenso impensable para un contexto coma o de hoxe, marcado por unha fonda polarización política, como lembrou Pedro Puy: «Non foi fácil nin a nivel político nin institucional», pero logrouse unha lei que «marca o camiño para conservar un símbolo excepcional que xorde da raíz do pobo», en palabras do exportavoz do PPdeG.
A daquela, e hoxe tamén, portavoz do BNG, Ana Pontón, puxo en valor o carácter cívico do logrado ata agora, «porque houbo un impulso social de identidade colectiva», que se rebelaba contra a situación dun espazo que pasou «máis tempo coas portas pechadas ca abertas». O que, segundo a líder nacionalista, explica o descoñecemento do que simboliza o Panteón. Algo sobre o que tamén puxo o foco Luis Álvarez, daquela portavoz do PSdeG, que lle quitou importancia ao trámite parlamentario da aprobación da lei —«o complexo foi o que se fixo antes»— e insistiu en que agora é a fundación quen debe tomar plenamente o control para trasladarlle a importancia á sociedade e introducir este espazo «no sistema educativo».
Compromiso orzamentario
Na segunda das mesas do foro, a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, puxo o foco no que deben ser as prioridades a curto prazo. «O primeiro de todo é conseguir a cesión do espazo, porque sen iso non hai nada», dixo a rexedora, quen insistiu na importancia de que haxa recursos orzamentarios para a rehabilitación e a divulgación. Algo no que coincidiu tamén Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, a institución que ten agora nas mans o futuro do Panteón. Nese sentido, Santalices alertou dos riscos —falou ironicamente de «terremotos»— de que a ideoloxía política dos grupos se impoña á hora de percorrer o camiño que queda por diante. Tal e como explicou na súa intervención, queda por desenvolver o «regulamento de usos do espazo», isto é, «que se pode facer e que non», o que, segundo Santalices, vai esixir altura de miras para evitar un uso partidario do que é un lugar común. «Temos tamén pendente o regulamento de honras e o protocolo cerimonial, é dicir, definir quen é ilustre; o relacionado coa custodia dos legados, a parte de divulgación e acción cultural e a gobernanza con transparencia por parte da fundación adscrita a una institución como é o Parlamento, que é transparente», destacou Santalices. Por parte do Arcebispado, Daniel Lorenzo destacou a importancia de que, de cara ao futuro, se consiga que o Panteón sexa un referente social da «memoria colectiva». Lorenzo puxo en valor a importancia que tivo a lei aprobada no verán do 2023. «Eu quero lembrar que o día que se constituíu a fundación, en abril do ano pasado, abrimos a porta de Bonaval. Como ía ser referencia algo que permanecía pechado?», preguntouse o vicario da Arquidiocese e director da Fundación Catedral de Santiago, quen lembraba así a falta de regularidade horaria dun espazo que viña xestionando ata o de agora o Museo do Pobo Galego. Nese acto celebrado en Bonaval tamén participou o conselleiro de Cultura, José López Campos. «Hai que poñer en valor o conseguido, porque tiñamos unha débeda cos nosos ilustres e todo o logrado foi grazas á discreción e á intelixencia», lembrou o máximo responsable da política cultural, quen insistiu en que «queda traballo por facer» e situou o 2026 como o grande ano para relanzar o Panteón. López Campos fixo referencia ao excelente traballo das fundacións de ilustres que repousan en Bonaval —como a de Rosalía ou a de Castelao— e a necesidade de abrir portas e fiestras para darlle sentido e contido ao espazo. «O maior reto é que sexamos capaces de transmitirlle este legado á sociedade, porque é moito máis o que nos une que o que nos separa», insistiu o conselleiro na súa intervención.
Os portavoces dos grupos parlamentarios que participaron na aprobación da lei que rescatou o Panteón do limbo xurídico tamén lembraron onte que tiveron que chegar a acordos en asuntos como o nome da fundación e, o máis importante, pechar o espazo a novos enterramentos. Desde que no 2006 o Tribunal Supremo delimitou as propiedades da zona, era o Arcebispado da cidade o que permitía a utilización dese espazo. Agora está nas mans da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, asesorada por unha comisión (constituída en decembro pasado). Tal e como se puxo sobre a mesa no foro, a clave agora é que o Parlamento de Galicia logre por parte do Arcebispado o uso da igrexa de Bonaval polo maior tempo posible, e o mesmo acontece coa parte dos terreos que son propiedade municipal.
Ramón Villares destaca a orixinalidade dun espazo impulsado pola sociedade
Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea e un dos impulsores da revitalización deste espazo desde o Consello da Cultura Galega, puxo en valor o carácter singular de Bonaval. «O caso de Galicia representa algo orixinal, porque a creación do seu Panteón foi obra da sociedade civil e non de institucións políticas; as primeiras cinzas trasladadas foron as dunha poeta, Rosalía de Castro, e non as de un grande home ilustre, fose un mariscal de campo ou dun tribuno político, que tampouco había», explicou o historiador, encargado de pechar o foro. Villares lembrou que co traslado dos restos da escritora non só se buscaba mudar de enterramento, senón resignificar a súa figura como escritora para facer dela a pedra angular do futuro Panteón.
Un espazo, explicou o historiador, que talvez non tivo unha evolución especialmente feliz en canto ao número de ingresados ou nas visitas públicas que recibiu, «pero que contou con ofrendas florais e misas votivas que fixeron que nunca estivese en estado de abandono». Algo que, segundo Villares, si lle sucedeu ao Panteón de España desde 1936 ata hai poucos anos.
«A pesar de carecer dun marco normativo polo que se rexer, o Panteón galego mantívose vivo e, agora, coa lei recentemente aprobada e co acordo institucional que a fixo posible, collerá novos azos e adoptará novas prácticas», prognosticou o catedrático de Historia Contemporánea.
Villares lembrou que co novo marco legal non se poderán facer novos enterramentos, unha precaución, segundo o seu entender, que cadra ben coa mudanza con que a sociedade actual está a tratar a morte, dada a práctica xa maioritaria da incineración. «Esta tendencia abre a porta a un concepto diferente de Panteón cara a un modelo de memorial: non serán cinzas, senón nomes a honrar, unha tarefa que non será doada», expuxo Villares, quen, non obstante, recordou que xa hai algúns referentes sólidos para iniciar este camiño, como os 64 nomes mencionados na Alba de Gloria de Castelao.
Rosalía, Castelao, Brañas, Cabanillas, Asorey e Fontán, os ilustres soterrados en Bonaval
No Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, localizado na igrexa de San Domingos de Bonaval, repousan os restos da poeta Rosalía de Castro, do político rexionalista Alfredo Brañas, do escultor Francisco Asorey, do poeta Ramón Cabanillas, do xeógrafo Domingo Fontán —autor do primeiro mapa de Galicia— e do artista e político republicano e nacionalista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A primeira en ser trasladada alí foi Rosalía de Castro, o 25 de maio de 1891, seis anos despois da súa morte, desde o cemiterio de Adina (en Iria Flavia, Padrón). O seu mausoleo foi obra de Jesús Landeira Iglesias.
O seguinte foi Alfredo Brañas, en 1906, colocado fronte a Rosalía, coa intención de fortalecer un proxecto de mausoleo para persoeiros destacados de Galicia. En 1961 foi enterrado o escultor Francisco Asorey, o chamado escultor da raza, inhumado directamente no Panteón, e o 12 de agosto de 1967, Ramón Cabanillas, que foi trasladado desde o cemiterio de Cambados. O 28 de xuño de 1984, o Panteón recibiu os restos do político, escritor e debuxante Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que fora trasladado desde Bos Aires, onde morrera en 1950. Por último, en 1988 foi enterrado o intelectual e cartógrafo Domingo Fontán, trasladado desde o Cemiterio Xeral de Santiago.
Horarios de visita
Ata a aprobación da lei, que entrou en vigor en agosto do 2023, só podía accederse ao Panteón a través da porta que dá acceso á igrexa dende o claustro de Bonaval, é dicir, dende o espazo que ocupa o Museo do Pobo Galego. Pero non se podía entrar directamente desde fóra, porque a igrexa mantiña ese acceso pechado. Agora, esa entrada exterior está aberta e funciona no mesmo horario có propio Museo do Pobo Galego: entre as 11.00 e as 18.00 horas de luns a sábado, e de 11.00 a 14.00 os domingos.