«Polbogate» no Parlamento Europeo: «Servir calamares como pulpo a la gallega no es un error, es un despropósito»

José G. Santalla
Jose G. Santalla BRUSELAS / LA VOZ

GALICIA

El plato que se sirve en el Parlamento Europeo bajo el nombre de «pulpo á feira».
El plato que se sirve en el Parlamento Europeo bajo el nombre de «pulpo á feira».

Non é a primeira vez que o comedor da institución agravia as cociñas autóctonas: «As gregos pasoulles algo parecido hai non moito. Ofrecían un gyros que non tiña nada que ver co prato orixinal»

05 feb 2026 . Actualizado a las 14:30 h.

O pasado martes, a cantina do Parlamento Europeo ofreceu no menú algo chamado «pulpo a la gallega», Galician-style pulpo en inglés, que pouco ten que ver co polbo á feira galego: un par de anacos de polbo xunto a lura en aneis, pataca fritida en vez de cachelos, un pouco pemento e brócoli. Poida que ás veces os galegos aceptemos polbo como animal de compañía, pero non pasamos unha lura coma o noso ben querido octópodo.

A desfeita difundiuse rapidamente entre galegos que traballan nas institucións europeas, non precisamente con eloxios. Unha estradense que traballa nun grupo político do Parlamento compartiuno nas súas redes sociais e entre amigos. «Obviamente non puiden evitar rirme e indignarme un pouco», comenta. As reaccións a ese polbo á belga foron dende «socorro» ata directamente chamalo «un crime».

Cando o eurodeputado do PPdeG, Adrián Vázquez Lázara, o publicou na rede social X (antigo Twitter), o debate fíxose viral. Xunto cunha imaxe da receita, Vázquez Lázara compartiu, con cariño e en ton amigable, unha carta á cantina do Parlamento propoñendo dúas solucións: axustar a receita ou ben cambiarlle o nome a algo coma «pulpo reinterpretado en clave centroeuropea». Remata, con retranca, ofrecéndose voluntario para unha misión técnica de asesoramento «por el bien común». O eurodeputado lalinés do PSdeG, Nicolás González Casares, tamén se sumou á polémica. Natural do Deza, igual que os pais de Adrián Vázquez, aproveitou a polémica para poñer en valor o cocido de Lalín na semana da Feira. «Se afirmas ser de Lalín non podes dicir que hai un prato máis emblemático na cociña galega que o cocido», reprochou nun ton xovial González Casares ao seu homólogo popular.

«Por la cantina del Parlamento Europeo pasan miles de personas al día. Más allá del chascarrillo, ese espacio es un escaparate extraordinario para proyectar nuestra gastronomía», comenta Adrián Vázquez. «Servir cuatro calamares con patata y brócoli como pulpo a la gallega no es un error: es un despropósito», engade o eurodeputado popular. Segundo el, coa súa carta quería reivindicar a cociña galega e engadir un pouco de retranca a un debate político demasiado gastado. De xeito retranqueiro di que, se fai falla, poñerá o mandil e empuñará as tesoiras.

É habitual ver na cantina do Parlamento cociña tradicional de Estados membros moi diferente á receita orixinal. «Aos gregos pasoulles algo parecido hai non moito. Ofrecían un gyros que non tiña nada que ver co prato orixinal», comenta a estradense. Dende o martes, o Galician-style pulpo está na listaxe de despropósitos culinarios que ela e os seus compañeiros lembran. La Voz contactou co Parlamento Europeo para coñecer a súa versión do suceso, pero finalmente a fonte consultada non fixo declaracións.