O peche do Ano Castelao reafirma a vixencia do seu legado galeguista

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

<span lang= gl >Miguel Santalices, Valentín González Formoso, Goretti Sanmartín, Miguel Anxo Seixas, Pedro Blanco e José López, este mércores ante a tumba de Castelao en San Domingos de Bonaval. </span>
Miguel Santalices, Valentín González Formoso, Goretti Sanmartín, Miguel Anxo Seixas, Pedro Blanco e José López, este mércores ante a tumba de Castelao en San Domingos de Bonaval.  SANDRA ALONSO

Flores, música, palabra e gastronomía lembraron o rianxeiro en Bonaval no seu 76.° cabodano

08 ene 2026 . Actualizado a las 10:35 h.

Dez días despois de ser o escenario do colofón ao Ano Castelao, a igrexa de San Domingos de Bonaval volveuse encher para lembrar e reivindicar a vixencia do legado do intelectual rianxeiro con motivo do 76.º aniversario do seu pasamento. O acto convocado pola Fundación Castelao contou co apoio de institucións públicas como o Parlamento, a Xunta, a Delegación do Goberno en Galicia, o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña, así como de membros da RAG, do Museo do Pobo Galego, do Consello da Cultura Galega, da Universidade de Santiago e das fundacións Rosalía e Otero Pedrayo, entre outras. Nesta lembranza quedou claro que Castelao non é do pasado, senón do presente e do futuro, ademais de que constitúe «unha figura determinante da nosa historia», tal e como afirmou o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices.

Precisamente, cun repaso a ese papel principal abriu o acto o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, ao recordar os esforzos do autor de Sempre en Galiza na «conquista dunha batalla histórica» por parte do pobo galego como foi a aprobación no referendo do 28 de xuño de 1936 do Estatuto de Autonomía. Por iso reclamou que este ano, no 90.º aniversario, se lembre esta efeméride dando así continuidade a ese Ano Castelao celebrado no 2025.

O cabodano de Castelao tamén lle serviu ao presidente do Parlamento para lembrar as actividades para divulgar a súa figura durante os últimos meses. «Foi unha tarefa coral para dar a coñecer o noso pasado», afirmou Santalices, engadindo que a programación reafirmou o seu recoñecemento «como alicerce da Galicia contemporánea». En referencia ao seu legado, apuntou que «construír Galicia é unha tarefa colectiva na que sumamos todos e todas». Ademais, incidiu en que un dos papeis da Cámara galega é traballar para acabar co descoñecemento que hai sobre algunhas das figuras máis sobranceiras á hora de conformar a Galicia do presente. Entre os fitos salientables do 2025 destacou a creación da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, «que non foi fácil, pero hoxe está encamiñada». Tamén fixo balance desa programación con motivo do Ano Castelao o conselleiro de Cultura, José López. «Se alguén nos convoca de maneira unánime, ese é Castelao», afirmou, poñendo como reto para este 2026 chegar a un pacto pola lingua galega.

Pola súa parte, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, fixo fincapé en que «Castelao non é pasado; é presente activo e seguirá sendo futuro mentres haxa quen o convoque, quen o lea, quen o discuta, quen o leve consigo». Apuntou, ademais, que ao autor de Rianxo «cómpre regresar por necesidade». A esa vixencia actual tamén fixo referencia o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, apuntando que «Castelao non é pasado, é presente; non divide, convoca, e non exclúe, suma». Un sentido no que igualmente se pronunciou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco: «O seu legado non é só un recordo, senón que nos marca un camiño para unha Galicia mellor, unha Galicia aberta, orgullosa da súa cultura, da súa lingua e solidaria coa súa xente».

No acto en Bonaval, amais da palabra lembrando a pegada de Castelao, houbo música. Púxoa Benxamín Otero, que tamén compuxo unha peza para acompañar a ofrenda floral sobre o panteón do rianxeiro. Para rematar, os asistentes puideron degustar unha sopa rianxeira de nécora elaborada polo cociñeiro Marcelo Tejedor.

A Fundación Castelao, ademais, agasallou os presentes cun díptico no que, xunto coa receita, incluíase unha reprodución dun debuxo de Castelao publicado no ano 1924, así como un opúsculo cos discursos do acto de lembranza do 2025.