A Xunta asumirá os custos de que a aplicación xudicial Atenea estea en galego 

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos EUROPAPRESS

O conselleiro José López dá por feito que o Executivo central non se fará cargo e defende o compromiso do goberno galego coa lingua 

24 sep 2025 . Actualizado a las 20:53 h.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asegurou hoxe que a Xunta está disposta a asumir os custos técnicos para que o programa informático Atenea, que será o que se empregue na Administración de Xustiza dentro duns meses, poida empregarse en galego dende o inicio. O Goberno, segundo deu por feito, non se fará cargo: «A Xunta asumirá o seu compromiso co galego».

Iso si, López Campos apuntou directamente a que se trataría dunha competencia do Ministerio de Xustiza, nunha resposta á deputada do BNG Iria Taibo. «Seguimos defendendo que a responsabilidade de facelo é do Goberno. Supoño que coñecerá a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias ou a Constitución», dixo, insistindo en que o Executivo tamén debe mirar polos idiomas cooficiais de España, e non só a Xunta.

O conselleiro xa se comprometera en xuño a mediar ante o Goberno central, xa que daquela a nova aplicación informática só contemplaba a redacción de documentos en castelán. Así, deu resposta á denuncia de máis de 350 profesionais da Xustiza, entre os que se encontraban xuíces, fiscais, letrados, presidentes de audiencias provinciais e fiscais xefes, nunha carta enviada ao conselleiro e ao ministro de Xustiza, na que pedían que esa aplicación se desenvolva completamente bilingüe ao servizo de linguas minorizadas.