Rosa Aneiros: «Escribo unicamente porque me peta»

GALICIA

Rosa Aneiros fotografada este mércores en Santiago, preto do pazo de Raxoi
Rosa Aneiros fotografada este mércores en Santiago, preto do pazo de Raxoi XOAN A. SOLER

Soñaba con ser pensionista, e acabou sendo periodista. Contadora de historias nata, vén de publicar en Xerais a súa nova novela, Sibila, mentres organiza actividades no Consello da Cultura Galega

03 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Di Rosa Aneiros (Meirás - Valdoviño, 1976) que nunca soñou ser escritora. «De pequena quería ser pensionista», lembra. Pensionista era o seu padriño, un emigrante retornado de Cuba que contaba mil e unha historias. «E iso é o que eu quería facer. Non pensaba en ser escritora, en publicar, quería contar historias», explica.

O desexo cumpriuse. Dende que en 1999 saíu do prelo a súa primeira novela, Eu de maior quero ser, leva impresos máis dunha ducia de títulos. Mais asegura que a literatura non é a súa profesión. «Escribo única e exclusivamente porque me peta! Teño a escrita como afección, como unha illa, só o fago cando me apetece, cando realmente teño necesidade de contar algo. Non teño prazos de entrega, non preciso ter outro título no mercado, e esa liberdade é marabillosa», explica. E é que o pan na súa mesa non o pon a literatura, senón o seu traballo no departamento de organización de actividades do Consello da Cultura Galega.

«Non teño prazos de entrega»

Aos seus libros publicados vén de sumar hai menos dun mes Sibila, a súa primeira novela para público adulto dende que hai doce anos dera a luz a premiada Sol de inverno. «Tiven que contar varias veces cos dedos das mans cantos anos pasaran. Non tiven sensación de silencio, foi algo moi natural, moi relacionado coa vida. Estiven máis centrada en escribir e publicar para o público infantil e xuvenil, e na miña vida persoal, nos meus fillos».

Gozar do tempo cos seus dous pequenos, de cinco e nove anos, é precisamente un dos grandes praceres de Rosa Aneiros. «Estou recuperando tamén o pracer de ler, que sempre me gustou moito, pero houbo un momento no que non tiña tempo. Pero o que máis me gusta é pasear e xogar cos meus fillos, andar con eles en bicicleta... Regaláronme uns patíns, agora con 45 anos! Porque como eles patinan, din que lles dá vergonza que eu estea sentada alí sen facer nada», conta entre risos.

«Non vivo a maternidade como unha carga, para min é un luxo»

Rosa Aneiros non vive a maternidade como unha carga, senón coma un luxo. «Moitas veces digo que non vou a tal cousa, ou tal outra, e xa me queren organizar quen me pode quedar cos nenos. Pero é que non quero! Neste momento prefiro estar nun parque vendo como xogan, non quero renunciar a iso», di, explicando que lle custou máis dunha loita que se entenda a súa decisión. «É importante poder escoller libremente, que non gobernen a túa vida cunha pátina de feminismo que en realidade sexa un machismo encuberto que pretende decidir por ti», reflexiona.

Co verán ás portas, Aneiros ten un curioso plan estival: ler a saga completa de Harry Potter. «A miña filla acaba de papalos todos. Vivo entre Hogwarts, por ela, e o cretácico, polo pequeno. Así que iso é o que toca este verán», chancea.

JOSE PARDO

Fun

Licencieime en Xornalismo e publiquei a miña primeira novela no ano 1999

Son

Traballo no Consello da Cultura Galega e escribo para nenos e adultos