Tuco Cerviño: «Agora Pablo Iglesias si é xente normal»

GALICIA

Os libros teñen gran protagonismo na casa de Cerviño, lector ávido e bo bibliófilo
Os libros teñen gran protagonismo na casa de Cerviño, lector ávido e bo bibliófilo EDUARDO PEREZ

Considérase un home esencialmente honorable. Por iso o socialista ofendeuse profundamente cando o líder de Podemos o catalogou hai seis anos como «casta», lonxe da «xente normal»

16 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Soy gente normal. Yo soy gente normal», repetía unha e outra vez un indignado Francisco Cerviño (Pontevedra, 1945) no estudio do programa Vía V ante un Pablo Iglesias que se estreaba como líder de Podemos e chamaba «casta» aos políticos profesionais do momento.

Corría o ano 2014, e o enfado do veterano deputado socialista chegou a protagonizar ata algunhas mesturas en YouTube. «Que era casta, eu, casta! Foi unha agresión á miña honorabilidade. O que non era normal era el dicindo esas cousas», recorda Cerviño.

Seis anos despois, Iglesias é vicepresidente do Goberno. «Agora el si é xa xente normal», afirma non sen retranca quen tamén foi vicepresidente, pero do Parlamento de Galicia.

O certo é que o currículo de Francisco Tuco Cerviño é extenso. Médico nefrólogo, sindicalista, xerente do Hospital A Coruña —«o meu hospital», chámalle aínda— e do madrileño Gregorio Marañón, profesor asociado na Facultade de Medicina, deputado durante 16 anos... Unha boa xeira de experiencias que recollerá nas memorias que está a escribir dende hai varios anos e das que unha parte podería ver a luz este mesmo 2020.

Porén, neses tomos faltará unha fotografía: «Non diría verdade se negase que me tería gustado estar na imaxe do primeiro Goberno progresista, de esquerdas, elixido directamente nas urnas en Galicia», di referíndose ao goberno bipartito de PSdeG e BNG. Aclara, iso si, que non tiña ningunha gana de asumir a Consellería de Sanidade, pero «quizais si a de Cultura». Porque entre os seus cometidos tamén figurou ser voceiro de asuntos culturais e lingua do seu partido.

«Non quería ser conselleiro de Sanidade, pero de Cultura si me tería gustado»

Liberado xa de cargos institucionais e xubilado tamén do exercicio da medicina, Cerviño ten agora máis tempo para os libros que abarrotan o seu domicilio na zona vella da Coruña. Bibliófilo declarado, amosa con orgullo unha edición do Galiza Mártir de Castelao impresa polo Ministerio de Propaganda da República en 1937, en plena Guerra Civil.

O volume comparte estancia con algún recordo das súas moitas viaxes, como unha figuriña de terracota adquirida na China. «Son viaxeiro, o que nunca fun é mochileiro. Ou viaxo confortablemente ou prefiro quedar na casa», apunta.

Amigo de moverse a pé pola cidade, nada amante do deporte, apañado na cociña pero non á hora de pasar o ferro... A piques de facer os 75 o socialista non se considera «retirado de nada», pero goza dunha vida «rutineira» marcada por moitas horas de lectura e escritura, comidas sempre fóra da casa, só, con amigos ou cos fillos, e ceas coa súa parella. «Niso ando agora fundamentalmente, en vivir», asegura.

Mais quen sabe: quizais se a política —que, segundo recoñece, gústalle aínda máis que a medicina— lle dixese de novo ven, deixaríao todo.

XOSE CASTRO

Fun

Médico nefrólogo, sindicalista, xerente de dous hospitais e deputado

EDUARDO PEREZ

Son

Membro do Comité Nacional do PSdeG e membro correspondente da Real Academia Galega (RAG)