Orzamentos 2020: Rebaixas de impostos para os ricos, recortes sociais para o resto

Luís Villares
Luís Villares A VALORACIÓN DE EN MAREA

GALICIA

20 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A música soa ben: pagar menos impostos. Feijoo fai demagoxia coa ilusión de todas nós de ter máis cartos no peto, aínda que el sabe que é un anuncio electoralista e que a realidade é ben distinta.

Dende 2014, as rebaixas fiscais de Feijoo acumulan 2.500 millóns de euros, centradas en baixarlles o imposto de patrimonio ás 6.000 persoas máis ricas de Galicia, e agora en perdoarllos aos que herden, por cabeza, ata un millón de euros, e para aqueles que teñan diñeiro suficiente para mercar unha segunda vivenda en primeira liña de praia (si, mercar no rural refírese a Barreiros, Miño ou Sanxenxo). Prezado lector, se está vostede nestes selectos grupos, parabéns! Porque son os beneficiarios da reforma. O resto, somos os prexudicados.

Porque rebaixa de impostos significa menos ingresos para a Xunta, e claro, sen cartos non hai profesorado, nin persoal sanitario, nin atención á dependencia, e logo teñen que vir os ricos coa súa caridade a construírnos residencias que Feijoo non pode pagar por andarlles baixando os impostos a eses mesmos ricos.

Pois na Marea preferimos que se faga xustiza. Xustiza tributaria. E que os que máis teñen contribúan máis ao mantemento do estado do benestar, e que o fagan non porque eles queiran, senón porque entre toda a sociedade decidimos que é o máis xusto. 

En Galicia vivimos unha emerxencia climática e a transición enerxética require investimentos para que os traballadores da industria non queden no paro nin teñan que emigrar. Vivimos unha emerxencia feminista cunha fenda salarial do 29 % e superala demanda cartos; vivimos unha emerxencia social cunha precariedade laboral brutal, o ninguneo dos autónomos e un desemprego crecente, e combatelas esixe recursos. Mentres Feijoo reduce ingresos, a carencia de ambulancias e de persoal sanitario impide salvar vidas, e as persoas dependentes acaban os seus días agardando ser atendidas. 

Os ricos gozan de máis cartos coas rebaixas de Feijoo, e o resto somos os que contribuímos para manter os restos dese estado do benestar que quere desmantelar.