Antonio Muíños: «Cociñando algas lígase moito»

O empresario dí que agora e seu fillo quen se mergulla, mentres él segue traballando en novos proxectos


Antonio Muíños (Cambre, 1962), leva décadas sacando algas do mar e poñéndoas nas cociñas. Nas de xentes anónimas de medio mundo, pero tamén nas dos grandes chefs. Coma todos os empresarios innovadores, Antonio ten moito de paixón. Nas acolledoras oficinas que Portomuiños ten en Cerceda falamos das algas, de Galicia e do futuro. Muíños é un tipo convincente.

-Seguro que anda con algunha novidade en preparación...

-Sempre. Agora imos lanzar un snack e unha sopa para a terceira idade que ten todos os elementos nutricionais que precisan. Traballamos tamén nos cultivos de algas, porque non queremos que sexa un recurso sobreexplotado. E tamén investigamos novos campos, como a cosmética.

-Van introducindo as algas nas nosas vidas.

-O traballo coas algas foi un traballo moi lento, de xerar cultura, e tivemos a sorte de contar coa implicación dos grandes chefs.

-Sempre se dixo que ía ser o alimento do futuro... Se non acabamos con elas.

-Cando nós empezamos a recoller había moitos estudos sobre as especies, pero non sobre recolección. Nin sequera sabiamos o que ía pasar, se volvían nacer ou non. Iso permitiunos aprender pouco a pouco. A min gústame esa frase que di: «Pensa en global e actúa en particular». Nós, dende o primeiro momento, non queremos caer na sobreexplotación. As algas hai que recollelas coma se fose unha poda.

-Como se lle ocorreu dedicarse a isto?

-Ao vivir nunha parroquia tan pequena tiñas que buscar un xoguete para xogar. Quero dicir que esa forma de vivir fai que sempre esteas a buscar solucións. Nós empezamos a cultivar champiñóns e cogomelos, pero chegou un momento en que se saturou ese mercado. Fixemos unha pequena conserveira para embotar o excedente, pero tivemos que pensar nalgunha alternativa. E optamos polas algas.

-Cando se pensa en algas séguese a pensar na cociña xaponesa?

-Xa non todo o mundo. Hai quen pensa xa nunha verdura que se pode botar a unhas lentellas, ou a un caldo. Penso que fixemos xa os cimentos, unha certa cultura.

-Vaime dicir que cociñar con algas é moderno.

-Pois si. Cociñando algas lígase moito, pero hai que facelas ben, ha, ha. Pénseo: unha empanada de algas ten moito sentido. As algas son un alimento moi limpo e nutricionalmente moi potente.

-Para os neófitos, por onde nos recomenda empezar?

-Polo espaguete de mar ou polo ramallo. Son moi fáciles de preparar. Nunha ensalada, nun revolto... E son ricas en ferro e calcio.

-A xente do mar está preocupada polo seu estado.

-A preocupación polo mar é algo que ten que estar nas escolas. De momento as algas están limpas, pero cando imos recollelas levamos bolsas e sempre as enchemos de plásticos, de latas... Hai que facer un traballo en conxunto e ser máis solidarios no esforzo.

-Vostede tiña un plan para as illas Lobeiras.

-É un proxecto do 2009, e démoslle unha volta no 2012. É un proxecto cultural e de divulgación do mundo das algas, pero ten que contar co apoio da xente de alí e de Galicia, porque estes espazos son a identidade de Galicia. Estamos pendentes dunha nova reunión.

-Galicia é un lugar especial para as algas?

-O especial son as rías. Todas teñen unha riqueza enorme.

-Como explica Galicia cando sae por aí?

-Digo que Galicia é un lugar aberto ao mar, que conta coas sinerxías da xente que vive cerca del. É verdade que estamos afectados por un certo minifundismo. Non sabemos sumar, e iso fréanos.

-Segue mergullándose?

-Antes ía todas as semanas. Agora vai meu fillo.

-Que fai cando dispón de tempo?

-Saio con Rosa, moito ao mar. Na miña xuventude fixen ala delta, parapente, moitos deportes. Agora un paseo de vez en cando. Axudo ao meu fillo co car cross.

-Será vostede un bo cociñeiro.

-Fago os meus pinitos. Gústame facer cousas clásicas.

-Celta ou Dépor?

-Gústame o fútbol cando se xoga ben. Sen colores.

-Diga catro palabras que teñan que ver coa súa personalidade.

-Emprendedor, esforzado, apaixonado e... gústame compartir.

-Cando era pequeno, que quería ser de maior?

-Piloto de carreiras.

-Arrepíntese de algo?

-Creo que faría case o mesmo, aínda que pode que con máis cabeza e menos corazón. Todo isto foi cousa de dous, porque Rosa -a súa muller- é o piar importante da empresa. Ás veces tes grandes proxectos e esqueces que tamén tes que chegar a fin de mes.

-Un lugar favorito.

-Gústame a forza do mar. A Costa da Morte apaixóname.

-Dígame unha canción.

-Sultans Of Swing, dos Dire Straits.

-Que é o máis importante na vida.

-A familia, no sentido máis amplo. E estar feliz co que tes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Antonio Muíños: «Cociñando algas lígase moito»