Manuel Lago, voceiro de En Marea: «O proxecto político de Villares é un erro, non ten espazo, naceu morto»

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña SANTIAGO

GALICIA

Manuel Lago descansa en Corrubedo á espera dun curso parlamentario que se presenta intenso
Manuel Lago descansa en Corrubedo á espera dun curso parlamentario que se presenta intenso MARCOS CREO

Di que a corrente crítica é a herdeira de AGE e de En Marea: «Os que se foron son os mesmos que racharan antes»

17 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O economista e parlamentario de En Marea Manuel Lago (Vigo, 1956) sempre defendeu a súa independencia política. Non obstante, aceptou ser o voceiro provisional de En Marea en tanto o grupo parlamentario non perfila a súa andaina, logo da marcha dos deputados afíns a Luís Villares ao Grupo Mixto.

-Por que aceptou ser voceiro se vostede sempre se mantivo á marxe das liortas internas?

-Teño simpatía por Esquerda Unida, pero hai vinte anos que non estou en EU, formo parte do grupo de independentes de En Marea. Se dei o paso foi porque se decidiu nomear voceiro a unha persoa de consenso mentres non definimos a estrutura definitiva da portavocía do grupo, que é algo, como o seu nome, que aínda está en debate entre nós e que resolveremos en setembro.

-Seica non lle gusta o nome de Galicia En Común.

-Galicia En Común foi a marca electoral de Podemos e EU nas xerais, e o noso proxecto vai máis alá, queremos incorporar a máis organizacións. Por iso, unha marca que está ligada a dúas forzas políticas penso que limita, non suma. E o nome do grupo parlamentario tampouco ten por que coincidir co da nova organización que puxemos en marcha. Todo iso estase a debater.

-Non hai un exceso de siglas na esquerda galega?

-É o mesmo proxecto con outro nome, nós somos os herdeiros de AGE e das mareas municipais, somos os herdeiros dun éxito enorme que foi En Marea, e nas próximas eleccións imos presentar o mesmo proxecto rupturista de unidade popular.

-Ese proxecto non fracasou?

-AGE non fracasou e En Marea, que foi segunda forza con catorce deputados, tampouco. Houbo problemas organizativos, pero dez anos despois de que Anova e EU, de que Beiras e Yolanda Díaz o puxeran en marcha, segue aí. Os que se foron son os mesmos que racharan antes, os que racharon AGE e logo En Marea.

-A culpa é de Villares?

-Isto non vai de bos ou malos. Villares cre nun proxecto nacionalista que el chama transversal. Considera que estar con forzas estatais como Podemos ou EU non é bo para o país e que Podemos, EU ou Anova se sitúan demasiado á esquerda no taboleiro político.

-Pois non descarta aliarse con Errejón.

-Porque Errejón representa a unha forza política menos combativa. É unha escisión de Podemos cara á socialdemocracia, máis branda e menos de esquerda. Esas son as razóns de fondo que explican a ruptura. Nós buscamos a unidade popular de esquerdas, coa participación de forzas estatais e forzas galegas e coas mareas municipais, para impugnar o sistema de xeito combativo. E logo está o modelo de Villares, que é unha forza nacionalista galega máis temperada e transversal, como el di.

-Manteñen unha boa relación?

-As discusións afectan, pero si, manteño unha boa relación con el aínda que non comparta o seu proxecto. Creo que o proxecto político de Luís Villares é un erro, que non ten espazo e que naceu morto. Non é que o diga eu, é que o din os 17.000 votos que acadou nas xerais. No ecosistema político galego hai sitio para unha gran forza de dereita, que é o PP e que en Galicia non deixa espazo para Vox ou Ciudadanos, e tres de esquerda: o PSOE, o BNG e nós.

-Pensa que haberá pacto de esquerdas en Galicia se o PP perde a maioría absoluta?

-Non teño ningunha dúbida de que no caso probable de que o PP perda a maioría vai haber un goberno con tres forzas políticas de esquerda, que non será un goberno monocolor.

-O fracaso das negociacións estatais non é un mal presaxio?

-Xa lle gustaría a Feijoo que houbera eleccións en novembro, pero sería un castigo para todos e, sobre todo, para a esquerda. Sería unha irresponsabilidade extraordinaria porque xa hai unha maioría parlamentaria de esquerda e porque a xente xa dixo o que quería, xa votou e non se equivocou. O PSOE ten a responsabilidade de formar goberno.

-Unha parte de IU cre que bastaría con apoiar a investidura.

-Non. A prioridade é que PSOE e Unidas Podemos pacten un programa de goberno, e logo sería máis doado constituílo.

-Vostede postularíase á presidencia da Xunta?

-Non, ten que ser alguén máis novo, e nós temos bancada.