O galego reduce o seu número de falantes, tanto no rural como nas idades máis avanzadas, onde é a opción prioritaria

Manuel Varela
Mensajes y comentarios a manuel.varela@lavoz.es

Toni Cantó aproveitou a súa intervención no Congreso dos Deputados para lamentar a extinción do castelán «en lugares como Cataluña, Baleares, la Comunidad Valenciana, el País Vasco o Galicia». «Yo creo que nadie lo puede negar aquí», engadiu. As verbas do deputado de Ciudadanos, que pediu retirar o requisito de coñecer a lingua cooficial nas comunidades bilingües para acceder a un emprego público, deu co rexeitamento dos grupos parlamentarios e xerou polémica nas redes sociais. O ex actor mantivo o discurso na súa conta de Twitter, compartindo varios artigos sobre a «imposición» que observa en detrimento do castelán en Baleares ou na Comunidade Valenciana.

Non así en Galicia, onde os datos do uso do idioma na comunidade derruban a categórica aserción do deputado. O galego mantén unha perda constante de falantes como lingua prioritaria. Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, un 51 % da poboación emprega o galego antes que o castelán, lonxe do 61,2 % da década anterior.

O declive cobra especial relevancia nas cidades. As persoas que din empregar «sempre o galego» nas sete grandes urbes sitúase por debaixo do 34 % (marcado por Ourense), chegando ao mínimo rexistro en Ferrol, onde só un de cada dez habitantes responderon con esta opción na enquisa estrutural a fogares.  

Naqueles concellos con máis de 50.000 habitantes, só un 13 % din empregar este idioma no seu día a día exclusivamente, dous puntos porcentuais menos que no 2003. Malia a súa hexemonía nos municipios con menos de 10.000 habitantes, o galego sufriu un severo retroceso durante a última década. Sete de cada dez enquisados hai quince anos dicían falar sempre nesta lingua. Os últimos datos dispoñíbeis, do 2013, rebaixan en máis de vinte puntos esta preferencia.

Atendedo á distribución do uso do galego por concellos, obsérvanse varias rexións con maior presenza do idioma como opción prioritaria. Na provincia da Coruña, a comarca de Bergantiños e os municipios da Costa da Morte presentan niveis por riba do 90 %. O mesmo no interior de Ourense e a zona oriental de Lugo, mentres que en Pontevedra as porcentaxes son máis baixas en toda a provincia agás nas comarcas do Deza ou Tabeirós.

As contornas das grandes urbes tamén presentan valores inferiores á media, especialmente nas áreas metropolitanas de Vigo, A Coruña, Ourense e Ferrol. No caso de Santiago de Compostela, os municipios que delimitan ao norte teñen maiores porcentaxes de galegofalantes ca os do sur, con perfís de poboación máis urbanos.

Parte desa perda de falantes reside no propio fogar. No apartado sobre a lingua que transmiten os pais aos seus fillos, a opción de aprenderlles só en galego caeu catorce puntos nunha década. Mentres, cada vez foron máis as familias que decidiron empregar só o castelán con eles. Tamén medrou a categoría de outras situacións, onde se inclúe linguaxe de signos ou outros idiomas.

Outro espazo no que o galego perde o seu uso é nas aulas. No 2013, un 18 % dos menores de 14 anos dicían aprender só neste idioma, fronte ao 32,4 % que respondían así dez anos atrás. Esta preferencia resérvase de forma maioritaria nas persoas de 65 anos ou máis.

Xusto un día despois de que Toni Cantó anunciara a desaparición do castelán en Galicia, a Real Academia Galega e o Concello de Ames presentaron un informe sobre a crise de transmisión da lingua galega na escola. Tomaron coma laboratorio o CEIP Agro do Muíño, onde observaron o «proceso de mudanza lingüística». Os autores sinalan no estudo que este colexio é «un claro exemplo do desprazamento do galego polo castelán que está a suceder no periurbano de Galicia».

Unha das conclusións amosa a sustitución do español polo galego como lingua vehicular entre os máis pequenos. Neste colexio, un 40 % dos nenos que aprenderon a falar en galego acaban desprazando esta lingua polo castelán na súa vida cotiá.