Victoriano Urgorri: «Levo o mar no ADN»

GALICIA

O veterano científico é catedrático de Zooloxía Mariña en la USC

06 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Asegura o profesor Victoriano Urgorri (Ferrol, 1951) que é un home de noites e que, ultimamente, unha neta ocúpalle as mañás. Non queda outra que facer a entrevista pola tarde. Así que falamos (non pouco) e vemos atardecer nun despacho da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, o lugar dende o que o veterano científico controla o mar de Galicia. Imos logo comezar polo principio.

-Como está o mar de Galicia?

-Mal. Ou, mellor dito, podería estar mellor. Digamos que non temos o coidado necesario, por dúas razóns. Por un lado está o aspecto individual do cidadán que mantén a idea de que o mar é inesgotable, e que calquera cousa que se bote desfaise nel. E polo outro están os poderes públicos, que non destacaron nunca polo seu coidado. E o exemplo máis claro é a depuración das rías.

-E, por riba, accidentes como o do Prestige.

-Estiven moi implicado naquilo e dei moitas conferencias. E dicía algo que moitas veces a xente non comprendía: isto é un grave proceso contaminante, pero anecdótico no tempo, é dicir, ten principio e fin. Nese mesmo período, o 80 % da contaminación viña de terra, principalmente das áreas urbanas.

-Algo se fixo xa nas rías.

-Eu estou moi relacionado coa ría de Ferrol e levo 40 anos dicindo que isto non pode ser, que o crecemento da contaminación é exponencial, que están desaparecendo moitísimas especies... e dicíanme que era un catastrofista. Ata que isto se decantou e a maioría dos bivalvos da ría non eran consumibles nin con depuración. Agora empézanse a ver indicios de recuperación. Pero hai outros contaminantes que van quedar para sempre. Hai unha absoluta falta de concienciación: a ría de Ferrol está chea de vieiras, cun aspecto normal. Se a xente non as compra, os furtivos non as poden vender. Porque os furtivos non ven vieiras, ven billetes.

-Vostede mergullouse e dragou moito. Atoparía de todo.

-No fondo do mar podes ver calquera cousa. Unha lavadora, por exemplo, que o tipo tivo que cargar na barca e tirala no medio da ría cando, se avisa ao concello, lévanlla sen custo. Unha vez, en Angola, no primeiro dragado dunha ruta sen apenas tráfico marítimo, atopamos un xersei e unha goma de mascar. A botella de vidro atópala en calquera sitio e a bolsa de plástico, na metade dos dragados.

-Vostede naceu aquí ao lado. Como era de pequeno?

-Gustábame moito o mar e, sobre todo, os animais mariños. Con tres anos xa escapaba da casa. Baixaba a coller cangrexos, peixes... Eu penso que levo o mar no ADN.

-Que tal nesta etapa de avó?

-Moi ilusionado. É a primeira, e ten o seu carácter, non pense, pero é moi riseira e moi agradecida. Gáñame todos os días.

-Xa a mergullou?

-Non, aínda é moi pequena (ten 14 meses). Pero a todos os meus fillos e sobriños ensineilles a nadar. Á cativa fareino este verán, ha, ha. Teño un gran entusiasmo polo mar e trato de transmitilo.

-Fóra do mar, que lle gusta facer?

-Son mañoso. Fago mil cousas: carpintería, cantería, albanelería... mecánica, nada. [Aquí saca o móbil e mostra varias pezas, incluído un portal de Belén enteiro].

-Moito móbil, e WhatsApp?

-Non teño WhatsApp. Coa cantidade de xente que ten o meu número de teléfono, tería o WhatsApp todo o día pitando.

-Vostede navegou por todo o mundo. Cal é o sitio máis bonito que coñece?

-Cabo Verde. É un paraíso. Sobre todo baixo o mar.

-Na Antártida non se mergullaría...

-Iamos a iso pero, por un problema técnico, non puiden.

-Que máis lle quedou por facer?

-Baixar nun batiscafo.

-Se fose o presidente do Goberno, cal sería a súa primeira medida?

-Dar máis diñeiro para a investigación. Somos o país destas características que menos damos.

-Sabería facer unha tortilla de patacas?

-Claro, aínda que son máis de brasa. As miñas alas de polo son insuperables.

-Goza do fútbol?

-Sei gozar dun bo partido, que non é todas as fins de semana.

-E ten equipo?

-Home, se son de Ferrol, teño que ser do Celta. Non podo ser do Dépor como tampouco podo ser do Madrid...

-Defínase en catro palabras.

-Traballador, creo. Entusiasta, reflexivo e algo inxenuo. Fíome demasiado da xente.

-Imaxine un día perfecto.

-Os que máis gozo son nos que teño que coller mostras no mar. Aínda sigo mergullando e é un privilexio ver a fauna. Aquí, no centro, teño bichos para estudar outra vida enteira, pero non quero renunciar ao traballo no mar.

-Unha canción.

-Dúas: No sono do cuco novo, de Amancio Prada, e Me and Bobby McGee, de Janis Joplin. -O máis importante na vida.

-A estas alturas, a saúde.