«As alertas por seca chegan para quedar»

Modelos de xestión sostible e promover o uso eficiente da auga son claves para afrontar estas situacións


Redacción / La Voz

Agora que se está a piques de cumprir un mes desde que a Xunta e a Confederación Hidrolóxica Miño-Sil activaron a alerta por seca, xorden as dúbidas acerca de se estamos a facer todo o que está nas nosas mans para levar a cabo unha xestión eficiente da auga

Trona en Galicia, aínda que non cae nin pinga. Por iso nos acordamos de santa Bárbara. Para os expertos en xestión da auga, as medidas que se tomen agora permitirán aguantar máis tempo as reservas, mentres non chega a tan ansiada choiva, pero consideran necesario planificar e xestionar dende unha perspectiva sostible os recursos e os consumos, porque esta non será a única alerta por seca que sufrirá Galicia.

Jorge Dafonte

Profesor de Enxeñería Agroforestal da USC (hidroloxía superficial e subterránea)

É suficiente a alerta por seca ou deberían instaurarse outras medidas?

A alerta por seca inclúe medidas para reducir o consumo permitindo aturar máis tempo antes de chegar a unha situación de emerxencia. Agardemos que o clima volva á normalidade, aínda que no ano hidrolóxico 1988-1989 a seca prolongouse ata finais do mes de febreiro.

Realmente facemos un consumo responsable da auga?

Segundo os últimos datos publicados polo INE, do 2014, temos un consumo de auga de 129 litros por habitante e día, que está un pouco por debaixo da media de España, que é de 132 litros por habitante e día. Así que si podería dicirse que facemos un uso responsable da auga en Galicia.

Que consecuencias pode ocasionar este período de seca para Galicia?

A primeira consecuencia sería a diminución de auga para o abastecemento dos núcleos e a redución do almacenamento de auga nos encoros. Tamén dificulta o establecemento de cultivos de inverno e a redución de forraxe no sector agrogandeiro. O deterioro dos ecosistemas fluviais afecta ás comunidades piscícolas. Outra consecuencia é a redución da produción de enerxía hidroeléctrica.

Cre que se está a facer unha explotación racional da auga na comunidade?

Galicia caracterízase por unha poboación moi dispersa, así que creo nun modelo de xestión da auga distribuído, onde haxa abastecemento a pequenos núcleos mediante pozos ou mananciais.

Precisa Galicia máis encoros para afrontar mellor este tipo de situacións?

A construción dun encoro é o último recurso cando non exista outra posible fonte de subministro de auga, xa que á parte dos custos de construción e de mantemento, ten un impacto ambiental elevado e posibles problemas de proliferación de cianobacterias.

Xan Xosé Neira

Profesor de Hidráulica e Hidroloxía da USC e vicepresidente da Sociedad ESpañola de Agricultura Ecológica

É suficiente a alerta por seca ou deberían instaurarse outras medidas?

Debe contemplar unha serie de actuacións antes de que se produza un desabastecemento da poboación, pero en pequenos núcleos este prolongado período de seca xa ocasiona problemas. Un feito relevante desta alerta por seca en Galicia é que se trata da primeira que se produce. Este feito marca tendencias que no futuro próximo, atendendo á evolución climática, serán cotiás.

Realmente facemos un consumo responsable da auga?

Non é o mesmo valorar un uso urbano, industrial, agrícola, de lecer ou mesmo cultural. Cómpre asumir compromisos e obrigas, mais tamén é preciso poñer en marcha instrumentos e modelos de xestión.

Que consecuencias pode ocasionar este período de seca para Galicia?

A máis evidente é a escaseza de auga para os diferentes usos. Os acontecementos indican que estas situacións de alerta chegan para quedar. Debemos adaptarnos. O sector agrogandeiro é o maior utilizador de auga. En Galicia, cómpre dotarse dun servizo de asesoramento ao regador.

Cre que se está a facer unha explotación racional da auga na comunidade?

A auga débese gobernar. Un modelo de xestión pode acoller programas de infraestruturas -control de perdas en redes e no consumo-, programas de aforro, de eficiencia, de substitución -con incorporación de recursos alternativos- e de xestión. As traídas veciñais son compatibles con este modelo.

Precisa Galicia máis encoros para afrontar mellor este tipo de situacións? 

Un encoro debe ser unha das últimas actuacións. Como mellorar pois a dispoñibilidade de auga? Cultivándoa, a través do deseño de sistemas agrarios sostibles. Se favorecemos a retención de auga no solo axudamos a que a auga flúa aos acuíferos. Urxe apostar por un manexo ecolóxico dos sistemas agrarios.

Montserrat Valcárcel

Profesora de Enxeñería Agroforestal USC (xestión de recursos hidráulicos)

É suficiente a alerta por seca ou deberían instaurarse outras medidas?

As secas cando se manifestan xa se está de cheo nelas. O que leva a que non se busquen as causas e remedios ata que nos atopamos en situación de crise e a que as medidas sexan de emerxencia e pouco eficientes. Deberían ser de carácter preventivo.

Realmente facemos un consumo responsable da auga?

Cada habitante en Galicia consome ao ano 615 metros cúbicos de auga, que é un 50 % máis que a media da UE. Nos últimos anos, o consumo medio nos fogares españois diminuíu, pero aínda así se sitúa en 132 litros por habitante ao día, fronte aos 80 que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS). Por outra banda, as fugas ou avarías no abastecemento provocan que cada galego desbalda máis de 50 litros diarios, cinco máis que a media nacional.

Que consecuencias pode ocasionar este período de seca para Galicia?

O abastecemento de moitos concellos urbanos só depende de augas superficiais. Debería dependerse de recursos superficiais e subterráneos. E no rural temos moita auga porque chove moito, pero non temos grandes almacenamentos no subsolo.

Cre que se está a facer unha explotación racional da auga na comunidade?

A xestión de recursos hídricos debe realizar desde unha perspectiva multidisciplinar que integre aspectos técnicos, ambientais e económicos. Deberían promoverse incentivos económicos destinados a un uso eficiente da auga en todos os sectores e intensificar a investigación científica.

Precisa Galicia máis encoros para afrontar mellor este tipo de situacións?

As solucións propostas a nivel técnico ata agora, como a construción de encoros, supoñen elevados custos económicos e ambientais, polo que só deben emprenderse cando as medidas de carácter xeral sexan moi insuficientes para afrontar épocas de escaseza.

Javier José Cancela

Profesor Enxeñería Agrónoma (hidráulica)

É suficiente a alerta por seca ou deberían instaurarse outras medidas?

É unha medida necesaria, pero deben proxectarse outras que axuden a evitar esta situación. A concienciación, acadar procesos sostibles nas industrias, a mellora dos sistemas de rega, a xestión eficiente da auga para o gando e a mellora da regulación hidrolóxica dos ríos son os principais eixos.

Realmente facemos un consumo responsable da auga?

Hai unha conciencia ambiental, se ben aínda existen moitas situacións nas que se usa a auga con pouca responsabilidade. É preciso realizar campañas informativas.

Que consecuencias pode ocasionar este período de seca para Galicia?

No eido do consumo humano, teñen aparecido restricións de auga. Esta situación podería empeorar, de seguir o período sen choivas.

Cre que se está a facer unha explotación racional da auga na comunidade?

En toda a comunidade existe un emprego racional dos recursos, pois a lexislación así o establece, se ben é preciso aumentar o control nos diferentes usos.

Precisa Galicia máis encoros para afrontar mellor este tipo de situacións?

Unha política de incremento da oferta dos recursos hídricos podería levar a manter o mesmo nivel de falla de concienciación da sociedade, respecto ao carácter finito dos recursos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«As alertas por seca chegan para quedar»