Eva Solla: «Penso que En Marea ten que recuperar o discurso de esquerda»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOAN A. SOLER

A nova coordinadora de Esquerda Unida cre que coa votación da coordinadora «deturpouse» o camiño inicial do partido rupturista

07 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Saía onte do hemiciclo do Parlamento de Galicia onde votou a favor dunha comisión de investigación polos contratos do grupo Villar Mir, rexeitada polos votos do PP. «A transparencia da que falan os populares non existe», asegura. Eva Solla (Vigo, 1984) militou dende nova no Partido Comunista de Galicia, do que é secretaria xeral, cargo ao que se suma agora a coordinación de Esquerda Unida e que compatibiliza co traballo parlamentario como deputada de En Marea e a vicepresidencia segunda do Parlamento de Galicia. Semella moito, pero Eva Solla ten sona de traballadora.

-Algúns poderían pensar que é vostede moi nova para militar nun partido, o comunista, que moitos din que está desfasado.

-A miña familia é de esquerdas e eu son de esquerdas e creo na xustiza social; desde que puiden votar, fíxeno por Esquerda Unida e logo decidín afiliarme. Está claro que mentres exista o capitalismo existirá o comunismo, non está desfasado. O que cambia é a maneira de traballar, porque temos que adaptarnos a unha nova sociedade na que hai menos industria fabril e máis servizos.

-Nas anteriores eleccións municipais apostaron polas mareas: vaise repetir ese pacto?

-EU apostou polas confluencias, pero dicir o que vai pasar dous anos antes é difícil e non o vou decidir eu.

-Vostede non disimulou as súas críticas con En Marea e coa súa coordinadora.

-Somos unha organización de esquerdas e apostamos por un modelo rupturista no que non caben as medias tintas, e penso que En Marea ten que recuperar o discurso de esquerdas. Na elección da coordinadora incumpriuse o acordo referido á coralidade da portavocía e outros aspectos; entendemos que ese non é o camiño, que o proceso está deturpado e non o compartimos.

-Farán pública esa crítica no plenario de En Marea?

-En canto se constitúan os órganos e se nomee a executiva de EU, decidiremos cal vai ser o noso papel no plenario.

-Cabe a posibilidade de presentarse en solitario nas municipais?

-Caben todas as posibilidades. No proceso de En Marea participou moita xente e as mareas municipais xa estaban antes do proceso de En Marea como partido rupturista.

-Diferencia vostede entre En Marea e as mareas municipais?

-Claro, as mareas municipais son independentes tanto a nivel xurídico como político.