A primeira dos dez dimisionarios da cúpula que marcha de Anova tras o pacto con IU para as europeas, Concha Trigo, cree que o proxecto fracasou e aposta por erguer outro novo.
-¿A que obedece a disolución da asemblea de Moaña?
-É unha decisión moi madurada. Xa levamos tempo dicindo que o proxecto de Anova era inviable, porque conviven dúas posturas antagónicas. Unha que aposta polo proxecto que Galicia necesita e outra pola integración no proxecto españolista. Nós por iso non estamos.
-Pero esas dúas posturas antagónicas das que fala as houbo xa dende a creación de Anova.
-Si, pero moi difusas. Falábase de Anova como proxecto político e de AGE como coalición táctica. Beiras foi o que cambiou. Nós non queremos este proxecto. A asemblea de Moaña queda disolta, pero non imos para casa.
-¿Quere dicir que pensan nun novo proxecto? ¿Como?
-Temos contacto con xente nacionalista que coinciden con nós no desexo desa forza que Galicia precisa. Trátase de crear algo novo. Marchamos [do BNG] por razóns políticas que cremos que persisten. Queremos un proxecto nacionalista e de esquerdas, e sen ambigüidades.
-Soa a decepción con Beiras.
-En política non podemos falar de decepcións. Pero eu non estou disposta a seguilo neste proceso de disolución de Anova dentro de IU. Anova é un proxecto fracasado e acabado. Non ten ningunha posibilidade de nada. Vaise facer un referendo para elixir a unha candidata que xa está elixida. Estiven na dirección de Anova ata o 8 de marzo e nunca tiven coñecemento das negociacións de Beiras con Reneses [secretario de organización de IU, que negociou o acordo para as europeas]. A candidata ven imposta. Sabemos quen a elixiu e xa está elixida.
-Pero foi a militancia a que decidiu ir ás europeas con IU.
-Estamos en política por ideas e por coherencia. Se a alternativa que sae é contraria aos principios políticos de Anova e a súa esencia, porque é un proxecto nacionalista, o coherente é marchar. O que non é de recibo é que sigas nunha organización contraria aos principios políticos que di defender. En Anova non se pode facer política, porque as loitas internas impiden mirar para o que pasa no país, que está a caer a cachos. Levo nela 40 dos meus 57 anos e nunca vivín nin cobrei da política.
-Polo que di, Anova corre risco de non chegar ás municipais.
-Xa digo que Anova é un proxecto fracasado e acabado, tal como nós intentamos construílo. Outra cousa é que fagan la izquierda federal del noroeste.