Totalmente en contra de pagar o servizo

Elvira Lombao SECRETARIA EXECUTIVA DE FAPACEL

GALICIA

Anteriormente a este decreto era habitual que os centros educativos solicitasen unha cota voluntaria aos pais para o servizo de comedor, algo que verdadeiramente dende a Federación Provincial de ANPA de Lugo nunca entendemos, e ademais sempre denunciamos. Os cartos que dá a consellería para os menús son abondo, pero é algo que vén de moi vello e que sempre se fixo. Aínda que se trata dunha aportación en teoría voluntaria, e que polo tanto se os pais non pagan non pasa nada, o certo é que se teñen dado casos nos que se enviaban cartas ás casas dos proxenitores que non aboaban esas cotas, como se fosen uns morosos.

Ademais, con esta práctica dábase outra confusión, xa que moitos pais pensaban que era unha aportación obrigatoria que había que facer. Persoalmente teño discutido con xente para explicarlle que se trata de algo voluntario, cando eles pensan que está establecido por norma. Actualmente, en Lugo, ao menos dende a Federación Provincial, non temos constancia de que ningún centro público o estea facendo. Outra das denuncias que facemos desde esta federación é que en realidade cada centro dedicaba este importe cobrado a maiores ao que lle parecía máis axeitado, e non necesariamente ao servizo de comedor. De feito, aquí nos teñen chegado queixas de centros nos que estes cartos se dedicaban á compra de material escolar.

Estamos totalmente en contra de que haxa que pagar este servizo e dos cambios que incorporou o último decreto de comedores, e non só das aportacións voluntarias que se fixan nos centros. Dende a federación consideramos que o comedor debería ser un servizo gratuíto para todos os escolares que o precisen.