A morte da súa muller sorprendeuno na cadea, con 73 anos, sen poder andar e con graves problemas respiratorios
31 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.No cárcere de Teixeiro, Ramiro Pereira devecía por saír e ingresar na mesma residencia de anciáns de Monforte na que acababa de entrar Evarista, a súa dona. Esta semana déronlle a liberdade condicional tras pasar preso catro meses. Xa está na residencia de Monforte, pero a súa muller morreu en agosto. O que agora lle gustaría é volver á súa casa de Padrón, onde vivía ata que o condenaron a dous anos e medio de cadea e 17.000 euros de multa e indemnización por provocarlle lesións a unha veciña no 2005, nunha agresión que el negou no seu momento e segue a negar agora. Hoxe, con 73 años, está postrado nunha cadeira de rodas. Sofre problemas respiratorios e cústalle falar, así que o seu fillo Ángel axúdao nalgunhas respostas.
-Cónteme que pasou o día do incidente coa súa veciña.
-Ela caeu dunha escaleira e despois botounos a culpa a min e á miña muller. Dixo que lle pegáramos. Pero non é certo, nós estabamos comendo na nosa casa cando ela caeu.
-¿E por que ía facer a súa veciña unha cousa así? ¿Levábanse mal?
-Si, pola casa. [«Cousas que pasan entre veciños», intervén o seu fillo].
-Daquela non andaba vostede en cadeira de rodas.
-... [«Non -di o fillo-, pero non se tiña nin de pe, usaba muletas. A veciña que o denunciou ten esclerose, e pódenlle romper os ósos con facilidade»].
-Cando o viñeron buscar para levalo ao cárcere xa estaba na residencia en Monforte.
-Si. Non sabía que me ían levar, non me avisaron antes. [«Tróuxeno un xoves para aquí desde a residencia privada na que estaba, en Teo. E o sábado pola mañá chamáronme para dicirme que xa o levaran, a traizón. Estábamos intentando parar o ingreso en prisión», apunta o fillo].
-Estivo catro meses preso. ¿Pasouno moi mal?
-Moi mal. A comida era malísima, non había quen a comese. Estiven todo o tempo na enfermería. A moitos pechábanlle a porta, a min non, a min deixábanma aberta.
-¿E dixéronlle canto tempo tería que pasar alí?
-Non me dixeron nada. Non sabía nadiña. [«Déronlle o terceiro grao ao mes e medio, pero eu creo que houbo intención de telo alí metido, porque non quixeron avanzar co papeleo, retrasárono todo», di o fillo].
-A súa muller non o puido visitar en Teixeiro.
-Non. [«O día despois do enterro, conteille eu que morrera -intervén Ángel Pereira-. Deixábano saír para o funeral, pero nese momento estaba hospitalizado na Coruña por problemas respiratorios, e os médicos non quixeron. Miña nai levaba catro anos con diálise»].
-Contaba con encontrarse aquí con ela cando saíse, ¿non?
-Home... Para min todo isto foi un golpe grandísimo. Quería vela, mais non me deixaron.
-¿Gustaríalle volver á súa casa?
-Querer, quería.
-Pero alí encontraríase coa súa veciña.
-Si, pero non lle faría caso ningún. Xa me fixo o que me tiña que facer, para min acabou.
-¿Quen pensa que tivo máis culpa de todo o que pasou?
-A veciña, que quería meterse enriba da nosa casa. [«O que fixo esa muller é moralmente imperdoable», afirma Ángel].