Impacto visual e tóxico

Carlos Vales

GALICIA

28 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Tendemos a esquecernos do moito que ten mudado a nosa sociedade nas últimas décadas. Hai cincuenta anos, apenas existían televisores, non había computadoras nin teléfonos móbiles, mentres as tripas da matanza do porco lavábanse directamente no río e as ovellas mortas tirábanse barranco abaixo.

A situación actual é moi diferente, e non só polo incremento na cantidade de lixo producido, senón tamén pola súa diferente tipoloxía. Hoxe no monte tíranse obxectos que, ademais de producir impacto visual, conteñen compoñentes tóxicos capaces de producir un enorme impacto ambiental. Falla a información e a sensibilización. Pero non chega con facer educación ambiental nas escolas: hai que dirixila aos adultos, que son os que executan comportamentos tan incívicos. E, particularmente, a alcaldes e demais cargos electos, pois son eles os que teñen a obriga de liderar a defensa do medio ambiente común.