Pérez Bouza: «A estrutura do BNG é un cachondeo e hai que cambiala»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

GALICIA

«Son de Máis Galiza, pero non me vale un apaño e que todo siga igual» di Xosé Manuel Pérez Bouza, exsenador e membro del Consello Nacional do BNG.

03 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Durante a última lexislatura Manuel Fraga só interveu no Senado nunha ocasión. Foi para responder a Xosé Manuel Pérez Bouza (Caracas, 1970). O nacionalista, elixido senador revelación polos xornalistas parlamentarios, non repetirá nin na Cámara alta nin na baixa, á que optaba o 20-N na circunscrición de Ourense. Os resultados «moi negativos» do BNG lévanlle a reclamar unha renovación que, por outro lado, el xa viña reivindicando desde hai tempo.

-¿Por que o Bloque non capitalizou en Galicia o descontento da esquerda co PSOE?

-Non podemos botarlle as culpas aos medios de comunicación porque nos deron unha cancha superior incluso ao que representabamos. Tampouco podemos culpar ao paso do BNG polo Goberno bipartito porque se fixo unha xestión moi defendible, e tampouco á sociedade, que non nos entende. Algunha culpa terá o feito de que levamos trinta anos sen modificar practicamente nada do noso discurso e da nosa práctica política e, evidentemente, os problemas da sociedade galega actual son moi diferentes aos de 1982.

-Vostede foi un dos moitos líderes que esixiu unha maior apertura do BNG á sociedade. ¿Hai posibilidades de escisión?

-Se dentro do BNG non temos todos o suficiente sentido común para darnos conta de que a sociedade cada vez nos apoia menos e que, polo tanto, temos que facer cambios profundos, estariamos moi equivocados. Espero que de aquí á asemblea todos teñamos ese sentido común e fagamos, con consenso e non con confrontación, unha diagnose axeitada de por que os cidadáns galegos deixaron de confiar no BNG e por que non nos votan nas mesmas porcentaxes de finais dos anos 90.

-¿Que fará se iso non ocorre?

-Se non se fai esa diagnose, seguirei só como militante de base e non descarto marchar desta forza política se eu non me vexo reflectido nela.

-¿Pódese cambiar o rumbo do BNG sen modificar a súa estrutura orgánica actual?

-Non. A estrutura do BNG é un cachondeo e hai que cambiala de arriba abaixo. Por exemplo, funcionamos por comarcas e non hai quen dirixa a actividade a nivel provincial. Eu non creo na división en provincias, pero en canto exista, unha forza que queira competir electoralmente ten que adaptarse porque esa é a circunscrición pola que se presenta.

-¿É posible aplicar eses cambios coas mesmas caras que sempre lideraron, dunha ou outra forma, ao Bloque?

-Non. Despois de trinta anos, o BNG ten que cambiar a súa estrutura organizativa, os liderados, o discurso e incluso a práctica política para que desa asemblea saia un novo BNG cun único obxectivo: ser útil a Galicia. Iso esixe cambios nos referentes porque temos referentes que levan no BNG dende a súa fundación e iso non pasa en ningunha outra forza política do Estado español.

xosé manuel pérez bouza exsenador e membro do consello nacional do BNG

«Non descarto marchar desta forza política se

eu non me vexo reflectido nela»

«Non podemos botarlle as culpas dos resultados electorais

aos medios»